CERVO, 5 DE FEBREIRO. As últimas cifras do desemprego en A Mariña amosan que “Cervo é o Concello que máis eleva o número de parados entre os municipios de menos de 5.000 habitantes, o terceiro por detrás de concellos con 10.000 ou 15.000 habitantes”.
Os socialistas lembran que “súmanse só neste mes de xaneiro 34 parados máis, o que fai un total de 330 desempregados. O tempo vennos a dar a razón cando a finais do ano pasado alertábamos ó goberno de que o 2014 ía ser un ano difícil e pedíamos, xa dende o debate orzamentario, que gastase todos os seus esforzos en crear un plan de emprego con carácter excepcional, un plan que rexeitaron dende o primeiro momento e de maneira rotunda”.
Dende o PSOE cervense insistían en que “ademais de fomentar o emprego xuvenil sería moi necesaria a axuda a persoas máis adultas que xa teñen as súas vidas feitas en Cervo e quedan sen traballo con idades difíciles para a reinserción laboral. Os datos do paro en xaneiro veñen a corroborar esta idea, máis do 92% dos desempregados da comarca son maiores de 25 anos”.
Por todo, rexistraron esta mañá unha moción para que “o equipo de goberno lle esixa á Xunta de Galicia implicación total na creación dun Plan de Emprego que sexa realmente efectivo, eliminando o uso partidista dos criterios e que permita a inserción laboral de todas aquelas persoas que se atopen nunha situación económica difícil”.
Pretenden que se traslade esta petición á administración autonómica xa que “é a Xunta quen ten as competencias en materia de emprego, quen ten a capacidade directa para paliar e solventar este problema e quen tería que facer posible que este 2014 lle dese a volta ás cifras desoladoras do desemprego na nosa comarca e en concreto, no Concello de Cervo”.