Foz, 21 de febreiro de 2014. Este venres celebrouse o sorteo dunha fin de semana romántica para dúas persoas no balneario da Toxa. O número da papeleta afortunada é o 11.582. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz realizou este sorteo entre todas as persoas que fixeron as súas compras de San Valentín no comercio de Foz e entre todos os que participaron nas cuartas xornadas da cociña afrodisíaca que se celebraron do 14 ao 16 de febreiro.
O posuidor da papeleta ten ata o 31 de marzo para presentala en ACIA Foz e recibir o agasallo.
ACIA Foz está a ultimar a vindeira campaña. Será a do pai que terá lugar tanto no comercio coma na hostalería local en marzo. Do 21 ao 23 dese mes celebrarase a festa gastronómica da pescada na que se poderán degustar racións en diferentes preparacións nos locais participantes ao prezo 5 euros.