Lugo, 5 de febreiro de 2014.- A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de facer público a través do Diario Oficial de Galicia a distribución de axudas por valor de máis de 9 millóns de euros (9.021.731 euros) na provincia de Lugo para levar a cabo plans de mellora de explotacións agrarias e á incorporación de mozos á actividade agraria.
Así o destacou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que indicou que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo deste xeito “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.
Deste modo, dentro das axudas para a modernización das explotacións agrarias na provincia lucense benefícianse 227 explotacións cunha achega total que ronda os 7 millóns de euros (6.891.348,64 euros).
Por outra banda, no tocante ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, as subvencións supoñen un investimento por parte da Administración autonómica de 2.130.382 euros, que se distribúen entre 95 mozos incorporados ao sector.
A delegada fixo fincapé “no importante esforzo e no compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística” e sinalou que, no conxunto da comunidade, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou para estas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos á actividade agraria unha partida de preto de 21 millóns de euros.