Baixo o lema “Insubmisas e rebeldes na defensa do dereito ao aborto” a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, realiza este venres 7 de febreiro e sábado 8, 14 accións simbólicas nas que se enviará a través das oficinas de correos a esixencia das mozas galegas a Feijóo e Gallardón para que desistan nos seus ataques contra as mulleres. Xunto a estas denuncias, envíaselles utensilios que as mulleres teñen empregado para abortar poñendo a súa vida en risco e moitas morrendo en tempos nos que abortar era ilegal: agullas de calceta, pirixel… xunto a uns rosarios polo papel protagonista da Igrexa no ataque contra as mulleres. “Non queremos que este drama polo que pasaron as nosas nais, avoas… volva á realidade” afirma Lucía Veciño, responsábel nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. Ademais, tamén se lles enviará a estes mandatarios un billete a Londres simbolizando o desprazamento a outros países para abortar ao non permitirse facelo no estado español.
Lucía Veciño afirma que “todo o noso esforzo está destinado a que a contrarreforma do aborto non vexa nunca a luz”. Veciño engade que “ante un recorte de dereitos sen precedentes, hai alternativa: a mobilización e a reivindicación”.
Veciño advirte a Feijóo que el tamén é culpábel, pois desde que chegou á Xunta aplica unha gran cantidade de medidas que impiden ás mulleres exercer o dereito á interrupción do embarazo poñendo trabas á aplicación do aborto na sanidade pública. A responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova denuncia que “hoxe temos en Galiza moitos hospitais nos que non podemos exercer este dereito, como é o caso da Coruña ou Ourense. Ademais Feijóo está a recortar en planificación familiar, prazas de xinecoloxía e en servizos de atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, así como no desmantelamento dos Centros Quérote e na batería de medidas que se implantaron desde o inicio da lexislatura coa chamada Lei de Familia e a financiación a organizacións antiabortistas como Red Madre”.
Galiza Nova da comarca da Mariña chama á mocidade galega a rebelarse fronte a imposición da maternidade ás mulleres e a participar dos envios destas esixencias.
Horas e lugares dos actos:
Venres 7 de febreiro ás 18:30h
Ribadeo- empresa de mensaxería Halcourier Avenida de Galiza, 8
Sábado 8 de febreiro ás 12
Viveiro: Avda. Ramón Canosa, 4 – 27850 – Viveiro