Ribadeo, 19 de febreiro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, prevé que a vindeira semana se celebre o pleno no se aprobará a licitación das obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo. Unha vez cumpridos todos os trámites eses traballos poderían iniciarse a finais da primavera ou principios do verán. O Concello acolleu a última hora da tarde de onte unha reunión da xunta de portavoces.
O rexedor explicou que “onte celebramos esta xunta de portavoces onde lles fomos dando conta, a través dos técnicos municipais, en qué fase se encontra a tramitación para a licitación da importante obra da residencia de maiores e contamos, si non hai novidade, que para a vindeira semana se poidan celebrar as comisións informativas e o pleno que aprobará o proxecto que sairá a concurso aberto. Na sesión tamén se aprobará o compromiso de asunción da parte que resta, que non porá a Deputación e que asumirá o Concello, en tanto a Xunta de Galicia non cumpra co seu compromiso de poñer os seus 500.000, tal e como se comprometera”. Suárez Barcia subliñou que “non podemos esperar a que iso se produza, temos que empezar xa porque un dos obxectivos máis importantes para este ano, segundo o convenio que temos firmado coa Deputación, é ter unha cantidade importante de cartos, preto dun millón de euros, xustificada neste 2014. Non podemos esperar á Xunta de Galicia e temos que iniciar a licitación das obras de maneira inmediata”.
O alcalde ribadense indicou que “fómoslles explicando a todos os portavoces os métodos de selección, os portavoces de todos os grupos estarán nas comisións técnicas de valoración e o pleno finalmente decidirá a oferta máis ventaxosa que poida facer esta residencia. Confiamos en que para a vindeira semana se poida convocar un pleno a este efecto para aprobar unha das máis ansiadas e máis queridas demandas e reivindicacións da veciñanza do noso concello”.
Fernando Suárez considera que “é previsible que unha vez aprobada en pleno a licitación desta obra e despois das correspondentes publicacións nos boletíns e de todo o trámite de presentación de proposicións e de estudio das mesmas, cando menos vai levar dous meses de tramitación, aventuramos que ben a finais da primavera ou a principios do verán poderían comezar as obras. Todo o tempo vai facer falta porque ao final deste ano hai que ter xustificada unha cantidade moi importante de diñeiro”.