Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela está presente no Salón Xantar en Ourense

Burela, 5 de febreiro de 2014. O Concello de Burela está presente na nova edición de Xantar, o certame gastronómico que se celebra en Ourense desde este mércores e ata o vindeiro domingo. Segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde, José Mª González Barcia, o xoves haberá unha degustación de bonito do norte e de pescada de Burela.

O rexedor explicou que “Burela non puido estar presente nas dúas edicións anteriores debido á situación económica, pero neste 2014 debemos acudir porque ante a máis que previsible recuperación o lóxico é pensar que o Concello de Burela recupere a promoción turística que se estaba a facer en anos anteriores para axudar a captar visitantes e desta forma axudar a manter as empresas hostaleiras que temos e os postos de emprego, e si se poden crear máis moito mellor”.

González Barcia dixo que “sabido é que quen non se ensina, quen non está nos escaparates nos que hai que estar, e neste sentido as feiras de turismo son un dos grandes elementos difusores dos recursos turísticos que poidan ter os distintos concellos e vilas, quen non está presente neses escaparates non é coñecido e se non é coñecido pouco ou nada ten que pintar no mundo do turismo”.

O alcalde de Burela relatou que “nós estaremos en Xantar todos estes días, estaremos cunha promoción baseada nos recursos gastronómicos que temos en Burela e hai dous produtos que teñen unha enorme calidade, que son moi apreciados pola maioría dos cidadáns e potenciándoos a eles potenciamos o seu consumo, co cal lle botamos unha man dentro dunha postura de moita humildade e modestia ao sector pesqueiro, e ademais estamos axudando a promocionar o noso concello, a nosa gastronomía e Burela. Estes produtos son o bonito do norte e a pescada de Burela”. Mañá a mediodía haberá en Xantar unha degustación de bonito e de pescada “e aproveito para agradecerlle a Armadores de Burela a súa colaboración para cedernos de forma totalmente gratuíta estes produtos e que as persoas que estean en Xantar, periodistas, representantes de institucións, de administracións, de empresas… poidan degustar pescada e bonito, que son o emblema do noso concello e do sector económico máis importante de Burela que é a pesca”, engadiu.

A representación do Concello que viaxa a Ourense tamén estará pola tarde no acto de entrega do Plato de Ouro ao restaurante A Lonxa, de Burela. José Mª González Barcia indicou que “a ocasión é boa para ademais de apoiar o traballo que se está a facer no sector da hostalería de Burela, representado neste caso por A Lonxa, facemos unha difusión dos nosos produtos e unha potenciación dos recursos turísticos que temos en Burela”.

Exit mobile version