Site icon Crónica3.com A Mariña

Os IES Monte Castelo e Dionisio Gamallo repártense os premios de Imaxiña 2013

Os IES Monte Castelo de Burela e Dionisio Gamallo de Ribadeo convertéronse nos grandes gañadores do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2013, con cadanseu premio en Fotografía destinados á alumna burelá Ana López e ao ribadense David Darriba.

Así o deu a coñecer este sábado a Fundación Imdecum nas instalacións do Monte Castelo, nun acto que contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o alcalde de Burela, José María González Barcia, xunto ao tenente de alcalde, Manuel Fernández, e o polifacético artista viveirense David Catá, ademais do presidente do colectivo, Marcelino Luna, así como o vicepresidente, Manuel Blanco, e o secretario, José Luis Sáez.

A edición de 2013 resolveuse con dobre premio na categoría de Fotografía, con dúas visións do mar moi diferentes, pero igual de fermosas. En Burela cun cadro de Ana López co faro ao fondo e Benquerencia, de David Darriba, un día de temporal. Tamén resultaron finalistas traballos doutras dúas alumnas do Monte Castelo, Uxía Treitas e Lucía Rivas, e do ribadense Andrés Álvarez. O xurado do concurso decidiu declarar deserta a vertente de vídeo.

Este festival, que combinou obradoiros de fotografía e vídeo, impartidos pola produtora A Caixa Escura, e que contou coa colaboración do polifacético artista viveirense David Catá, supuxo unha nova tentativa por captar a atención da xuventude da Mariña. Nesta edición, participaron alumnos de seis centros de ensino secundario da comarca: IES Monte Castelo, de Burela; IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo; e o IES Vilar Ponte, de Viveiro, que xa participaron en edicións anteriores; e aos que se sumaron o IES María Sarmiento, de Viveiro e o IES Illa Sarón, de Xove.

Na apertura da entrega de premios, Marcelino Luna salientou “o éxito da terceira edición do festival audiovisual, cunha grande implicación da xuventude da Mariña que nos conseguiu cativar coas súas belísimas e dispares visións da Mariña”. “O Imaxiña 2013 reuniu a máis de 500 alumnos de seis centros de ensino da bisbarra en torno aos medios audiovisuais; foi unha edición onde destacou a calidade fotográfica, na que calquera das pezas finalistas merecería ser a gañadora” explicou o presidente de Imdecum. Así mesmo, agradeceu a colaboración na iniciativa da empresa A Caixa Escura Producións e o valioso apoio do emerxente artista David Catá, así como a axuda institucional “sen a que as nosas iniciativas non terían viabilidade”.

Coincindo con Marcelino Luna, o vicepresidente da Deputación congratulou a todos os participantes no concurso resaltando “a alta calidade dos traballos presentados” e destacou “a importancia deste tipo de iniciativas en canto permiten fomentar as inquedanzas culturais e a creatividade do estudantado da comarca, unha comarca rica con infinidade de recunchos por descrubrir”. “Reitero o agradecemento a Imdecum pola súa aposta de promoción do Deporte, Cultura e Turismo na Mariña” dixo Antonio Veiga. Pola súa banda, José María González Barcia, sumouse ás felicitacións e animou tanto a xuventude da Mariña coma á Fundación Imdecum a seguir promovendo a riqueza e dinamismo da comarca, “un compromiso de todos os cidadáns da Mariña”.

Durante a entrega de premios, Antonio Veiga congratulou a todos os participantes no concurso, resaltando “a alta calidade dos traballos presentados” e destacou “a importancia deste tipo de iniciativas en canto permiten fomentar as inquedanzas culturais e a creatividade do estudantado da comarca”.

Exposición
O acto concluíu coa inauguración da exposición dos traballos dos finalistas no centro de ensino burelao. A mostra, que tamén está composta de imaxes de 2012, poderá contemplarse no IES Monte Castelo ata finais de febreiro. En marzo, recibiraa o IES de Ribadeo e en abril volverá a Burela para a Casa da Cultura. O resto dos centros participantes tamén poderán engalanarse e gozar das instantáneas entre finais deste curso académico e comezos do próximo, como aperitivo para a edición de 2014.

Exit mobile version