Cervo, 21 de febreiro de 2014- “Aquí hai tres cousas claras: A Deputación multou ao Concello de Cervo. A Deputación ten 20.000 euros ingresados. E o Concello nin licitou, nin adxudicou, nin foi director da obra, nin lle dixo á empresa onde tiña que colocar as canalizacións, nin o cemento, nin os postes”. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, respondeu así ás declaracións do Goberno Provincial.
“A Deputación é a que ten que dar explicacións sobre a actitude que está mantendo co Concello de Cervo e cos veciños” asegura. “Comezaron hai sete anos por non investir en Cervo e agora dan un paso máis: Multarnos” engade o rexedor. “Vemos que pouco a pouco van mellorando a súa estratexia para prexudicarnos. Primeiro non nos daban, e agora ademais, quítannos”.
O mandatario cervense lamenta que a Deputación sempre se escude en mentiras: “Ninguén se puxo nunca en contacto co Concello para falar sobre a multa, ningunha chamada telefónica, nada”. “Sen previo diálogo con ningún responsable nin traballador do Concello, iniciaron un expediente de sanción, e a pesar de celebrar sesións plenarias, tanto no Concello como na Deputación, e de enviar escritos, fixeron caso omiso e non tiveron vontade de frear o atropelo a un Concello que unha e outra vez se ve atacado e perseguido polo ente provincial”, explica o rexedor. E así “decidiron multar por primeira vez na historia a un concello, e de forma desproporcionada”.
Da mesma maneira, o mandatario cervense pregúntase a que vai destinar a Deputación os 20.000 euros. “Ao mellor os utiliza para pagar parte do soldo de 57.500 euros da vicepresidenta, ou para pagar actuacións en concellos que lle preocupen máis que o de Cervo”.
Ao mesmo tempo, o primeiro edil asegura que “para ser representante público hai que ser máis educado, e non todo vale”. “As descualificacións e os insultos demostran moi pouco respecto polo cargo que ostenta un político”, remata.