A Deputación de Lugo desmontou este venres as “gravísimas mentiras” do Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, “quen demostrou o seu cinismo e desvergonza”, ó asegurar que foron as arcas públicas do Concello as que pagaron a multa que lle impuxo a institución luguesa por cometer unha irregularidade na colocación de postes da luz nunha estrada de titularidade provincial ó seu paso polo núcleo da Senra, poñendo en grave risco a seguridade dos viandantes. “Villares minte, esta sanción pagouna a empresa, non o Concello”.
O voceiro provincial socialista e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, deixou en evidencia ó rexedor dando a coñecer unha acta oficial dunha reunión que tivo lugar o 26 de setembro de 2012 entre o Alcalde, un enxeñeiro de Augas de Galicia e un representante da empresa adxudicataria, na que a construtora lle fai entrega a Villares dun cheque por valor de 20.000 euros, o importe da sanción.
Ademais, neste documento -asinado polo Alcalde e o enxeñeiro de Aguas de Galicia- Alfonso Villares recoñece a “colocación defectuosa” dos postes da luz, é dicir, “admite as irregularidades e confirma o que xa dixemos: O seu é puro vitimismo, cre que está por riba da Lei e que pode facer o que lle dá a gana, iso si, que paguen a súa irresponsabilidade outros”, subliñou Manuel Martínez.
Deste xeito, na acta, “Villares lávase as mans e fai responsable do seu erro á empresa esixíndolle que proceda ó abono dos 20.000 euros”, ademais de obrigar á firma “a atender posibles requirimentos que lle sexan efectuados polo Concello de Cervo ata que teña lugar a fin do correspondente proceso sancionador”.
“¿Por que pagou dous anos despois de recibir os cartos?”
Á vista de todos estes feitos, o Alcalde “debe pedir desculpas públicas por mentir e dar moitas explicacións”, asegurou o Deputado socialista: “Debe explicarlles ós veciños de Cervo por que lles mentiu. Que é o que pretende? Réditos políticos utilizando burdas falsidades? Debe explicarlles tamén por que non pagou ata agora a sanción, cando hai xa case dous anos que recibiu un cheque da construtora por valor de 20.000 euros para abonar a multa. ¿Que fixo con estes cartos? ¿Onde estiveron todo este tempo?”
Para Martínez, un alcalde “que, non soamente lidera o ránking de irregularidades na provincia, senón que minte hasta este extremo e é tan fácil de desenmascarar, non merece ocupar o posto que ocupa, nin representar a ninguén na Federación Galega de Municipios e Provincias”.