Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación d eLugo aproba declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía

outeiro-rosaliaLugo, 21 de febreiro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e portavoz do BNG, Mario Outeiro, informou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, que vén de aprobarse declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía, coa conseguinte organización de actividades que promovan o coñecemento da súa obra e do seu compromiso vital.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente en galego, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito da lingua galega e o final de séculos de silencio e esquecemento.

Durante a súa intervención, Mario Outeiro argumentou que “a recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda coa súa obra, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso comprometida coa súa terra, coas súas xentes e coa súa lingua”.

“A súa obra – continuou o delegado – é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX, Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, unha voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras e escritores máis destacables da literatura universal de todos os tempos”.

Neste sentido, a área de Cultura da Deputación de Lugo organizará unha programación de actividades de cara a conmemorar o aniversario do nacemento da poetisa galega do século XIX, no seu afán de difundir o coñecemento da súa obra entre as galegas e os galegos, especialmente estre as xeracións máis novas para fomentar o amor á lingua galega e comprender a identidade cultural de Galiza.

Así, xunto coa Rede Museística Provincial, colabora coa Asociación de Escritores en Lingua Galega nun acto programado para o vindeiro luns, 24 de febreiro, ás 19:00 horas, no Refectorio do Museo de Lugo, co que se pretende homenaxear á poetisa galega por excelencia, cunha lectura da súa obra. No transcurso do acto, que contará co acompañamento musical de Paula Rancaño, agasallarase aos presentes cun libro en galego e unha flor.

“A diferenza do interese da Deputación en homenaxear a Rosalía, a Consellaría de Cultura non recolle, para o ano 2014, o 24 de febreiro como Día de Rosalía no seu Calendario do Libro e da Lectura, como viña sendo habitual, un feito que queremos denunciar e que só se pode enmarcar no intento de ocultar a figura dunha Rosalía viva, radical, culta e comprometida que hoxe grandes sectores da poboación coñecen e admiran” – concluíu Outeiro.

Exit mobile version