Foz, 21 de febreiro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, pon a disposición de todos os grupos políticos municipais o plan de usos para o porto elaborado pola Xunta que foi entregado onte no Concello. O documento será analizado nunha reunión da xunta de portavoces para despois levalo ao pleno da corporación que se celebrará en marzo.
O rexedor municipal focense manifestou este venres que “dende o Concello de Foz valoramos dunha forma moi positiva que onte fose entregado o plan especial de usos por parte do propio presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán. Era un compromiso que había dende hai varios meses e supón a primeira porta que se abre para a reorganización definitiva da zona portuaria de Foz que propuxo o Partido Popular dende un inicio. Este plan especial ordena urbanisticamente a zona que está en terra e polo tanto permite os desenvolvementos construtivos de espazos complementarios da náutica recreativa e da pesca, como poden ser áreas dedicadas á hostalería e o turismo. Poderán aumentar as construcións en case 12.000 metros cadrados e en xeral cumpre basicamente as directrices que se marcaron inicialmente”.
Javier Castiñeira explicou tamén que “o documento vai estar a disposición dos grupos municipais, cada un vai ter a súa copia, tal e como lles comentei onte. Tamén lles adiantei a intención de levalo ao pleno da corporación que se celebrará en marzo para debatelo con total tranquilidade, incluso celebrando previamente algunha reunión da xunta de portavoces. A partir de aí ten que ter o visto bo da corporación, despois hai que publicalo e o seguinte paso que queremos dar unha vez aprobado, que entendemos que non ten ningunha dúbida, é seguir co prego de condicións para unha posible concesión. Cremos que antes do verán poderá estar listo se non hai ningún problema”.
O alcalde engadiu que “unha vez sacado o prego xa dependeremos da demanda que haxa de grupos inversores. Temos moita confianza neste proxecto a longo prazo, no que se vai avanzando administrativamente e eu creo que xa a medio prazo poderemos ter moi boas novas neste sentido”.