Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo e Burela, entre os peiraos autonómicos con maior crecemento no tráfico de mercadorías

Santiago, 13 xaneiro de 2014.- Portos de Galicia acadou o pasado ano o seu récord histórico de tráfico de mercadorías ao superar os dous millóns de toneladas. O ente público, vén de facer balance de actividade de carga e descarga nos peiraos autonómicos ao peche do exercicio no que moveu, concretamente, 2.058.454 toneladas de mercadorías nos 122 portos que xestiona a Xunta de Galicia.

Dita cifra marca o fito de máxima actividade comercial de Portos de Galicia e supón un incremento do movemento de mercadorías dun 6,8% respecto do ano 2012. Neste sentido, o presidente do ente público, José Juan Durán, que foi o encargado de presentar este luns os datos en rolda de prensa na sede do organismo, subliñou a importancia do crecemento sostido de tráficos “nun contexto global de crise do conxunto das actividades económicas”. Non en van, a tendencia á alza dos tráficos comerciais vense mantendo nos últimos anos, pasando de 1,77 millóns de toneladas en 2011, a 1,92 en 2012 e 2 en 2013.

Durán Hermida explicou que os peiraos con maior de tráfico de mercancías foron, respectivamente Cariño, con 540.008 toneladas; Ribadeo, con 534.126; e Cee, con 390.661 toneladas rexistradas ao longo do 1013. Na comparativa co ano anterior destaca o incremento de actividade do 143% en Burela, especialmente debido ao tráfico de madeira en bruto.

En canto ás mercadorías, a que rexistrou maior movemento foi o mineral de dunita, no porto de Cariño (411.912 toneladas); seguida da pasta de papel no de Ribadeo (396.828 toneladas), a madeira en bruto en Burela (256.395 toneladas) o manganeso en Cee (164.806 toneladas) e o atún conxelado na Pobra do Caramiñal (110.024 toneladas). O nicho de maior crecemento rexistrouse no tráfico de madeira en bruto nos peiraos de Ribadeo (283%) e Burela (233%).

Exit mobile version