Cervo, 13 de xaneiro de 2014- A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, asegura que o grupo socialista “critica que se celebren Xuntas de Goberno porque prefire un Concello paralizado a un Concello de Cervo activo e que faga todos os trámites de forma rápida e áxil”. Pedreira cre, ao mesmo tempo, que “o PSOE de Cervo critica indiscriminadamente todo o que beneficia aos cervenses, porque lle molesta que o goberno local traballe por e para os veciños”.
A responsable de Facenda defendeu a importancia de que se celebren Xuntas de Goberno de forma periódica, xa que nelas “resólvense expedientes e trámites, e saen adiante asuntos de importancia para a poboación”, sen esquecer que as comisións “forman parte dos órganos de goberno de todos os concellos”.
Pedreira diferenciou ademais os beneficios que teñen as Xuntas de Goberno do Concello e as Xuntas de Goberno da Deputación: “En Cervo tratamos e solucionamos problemas dos veciños, mentres na Deputación cargan de problemas aos veciños de Cervo, como ocorreu nunha comisión onde se aprobou unha multa de 20.000 euros a este Concello”.
Neste sentido, a edil lembrou que “a veciña de San Cibrao e vicepresidenta da Deputación cobra 57.500 euros por multar ao Concello de Cervo, por denegarnos todo tipo de axuda e por poñernos trabas a todo”. “É lamentable que os 57.500 euros que gasta a Deputación no soldo da vicepresidenta sexan máis que o total do que inviste nos veciños de Cervo”, engade Pedreira.
A edil lembra que Lara Méndez cobra 16.000 euros máis que cinco edís do Concello xuntos. Deles, tres perciben dedicacións parciais e dous deles só cobran por asistencia a comisións de goberno, sen ter dedicación algunha.
“Unha soa persoa gaña 16.000 euros máis que cinco concelleiros xuntos” lembra Pedreira, “edís que teñen a encomenda de traballar polos veciños dende as delegacións de Medio Ambiente, Cultura, Turismo e Sanidade; Deportes; Educación, Servizos Sociais, Igualdade e Obras; Seguridade Cidadá e Zona Rural; e Facenda, Emprego e Xuventude”.