Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reclama nun plan de recuperación e reparación dos danos ocasionados polo temporal de Reis

Santiago de Compostela, 08 de xaneiro de 14. O portavoz de Portos do Grupo Socialista, Manel Gallego, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego un plan de recuperación, reparación e consolidación das infraestruturas costeiras e portuarias danadas ou destruídas polo temporal do pasado Nadal.

O responsable socialista insta ao goberno galego a realizar unha avaliación dos danos ocasionados pola maruxía do día de Reis, así como dos temporais rexistrados nas datas anteriores. Reclámalle á Xunta que “habilite os créditos orzamentarios que fagan falta para acometer as obras de restauración, reparación ou reconstrución das infraestruturas danadas ou destruídas”.

Ademais, reclámalle ao goberno galego que “acometa as obras en prazos que permitan a plena operatividade das infraestruturas e servizos costeiros e portuarios no menor tempo posible”. O obxectivo, explica, é que os danos estean reparados “antes da campaña turística do próximo verán e fagan menos difícil a actividade pesqueira e portuaria habituais”.

Gallego sinala que os efectos do temporal, con ondas “de dimensións descoñecidas e tombos de mais de 10 metros de altura nalgúns casos”, ocasionaron “efectos devastadores” que afectaron á infraestrutura portuaria, sendas peonís e acceso a praias, paseos marítimos, vías de comunicación, sinalización marítima, embarcacións, e patrimonio cultural, relixioso ou etnográfico”.

Advirte que algunhas das infraestruturas afectadas están en situación de ser salvadas “si se actúa coa dilixencia e a premura que a situación require”. Advírtelle así ao goberno galego da urxencia para encetar a consolidación de escolleiras e peiraos, reposición de instalacións eléctricas, ou a consolidación e limpeza de paseos marítimos e sendas peonís de acceso ás praias.

Pesca
O parlamentario socialista lembra a especial incidencia dos temporais na actividade pesqueira, que non puido faenar durante o mes de maiores ingresos. Reclámalle así á Xunta que recupere o seguro de mal tempo “que garanta uns ingresos mínimos” a pescadores e mariscadores, que se viron “imposibilitados a exercer a súa actividade por causas alleas imprevisibles”.

Ademais, propón o “adiamento, suspensión ou supresión temporal” das cargas sociais, tributos e impostos da actividade pesqueira “ate a recuperación do ritmo normal de actividade”. Advirte que a situación “vólvese dramática” cando a falla de ingresos “non exime ao mariñeiro ou ao mariscador de abonar relixiosamente as cotas sociais e tributos da súa actividade”.

Sinala que estes traballadores están pasando “por un dos momentos mais difíciles dos últimos anos, xa que nin tan sequera teñen a opción de recorrer a un seguro de mal tempo que lles garanta uns ingresos mínimos vitais para as súa familias e a supervivencia da empresa familiar”, logo de que esta figura fora eliminada dos orzamentos do goberno galego.

Gallego presentou unha interpelación na que lle reclama ao goberno galego que explique qué accións ten levado a cabo para facer fronte ás consecuencias dos temporais e para paliar os efectos da inactividade sobre os mariñeiros e mariscadores.

Exit mobile version