Ribadeo, 7 de xaneiro de 2014. O temporal de vento deixou un regueiro de incidencias en Ribadeo: farolas rotas, sinais de tráfico arrincadas, chemineas caías e incluso a cuberta dalgunha vivenda. Para o alcalde, Fernando Suárez, “a situación xerada foi a dun auténtico furacán”.
Suárez Barcia explicaba esta mañá que “no tempo que levo de alcalde creo que foi do máis duro que puiden ver pola cantidade de incidencias simultáneas na vila e nas parroquias, ver árbores caídas, sinais de tráfico deitadas, algunha das farolas novas absolutamente partida, chemineas de edificios que caían e incluso esa cuberta dunha vivenda da rúa Rodríguez Murias que caeu na vía pública. Alegrámonos moito de ter suspendido o percorrido da cabalgata de Reis, aínda que naquel momento houbo incluso queixas dalgún veciño, pero alegrámonos moito de que non pasara por aí o percorrido da cabalgata porque senón igual puidera ter acontecido algunha desgraza que logo tivéramos que lamentar”.
O rexedor engadiu que “agora despois de toda esta tempestade ven a calma e ven o tempo de empezar a amañar toda esta desfeita. Mesmo na praza de abastos municipal varias chapas da cuberta caeron e agora está entrando auga. Estamos amañando coa brigada de obras todo isto, o que nos vai levar unha temporadiña dado que foron bastantes as incidencias, espalladas tanto pola vila como polas parroquias, que non se van dar amañado dun día para outro. Pedimos á poboación que teña paciencia, que nos saiba comprender dado que a situación non foi dun ciclón senón que foi dun auténtico furacán”.