Site icon Crónica3.com A Mariña

O luns ábrese o prazo de inscrición do curso de ximnasia preventiva para maiores de 60 anos en Burela

Burela, 8 de xaneiro de 2014. Do 13 ao 24 de xaneiro estará aberto o prazo de inscrición para participar no curso de ximnasia preventiva para maiores que organiza un ano máis a Concellería de Servizos Sociais. Está dirixido a persoas maiores de 60 anos, con preferencia para as empadroadas en Burela.

Os requisitos que deben reunir os interesados para inscribirse son: ser maior de 60 anos, estar empadroado/a en Burela e ter pagado a taxa de matrícula. Desde a Concellería de Servizos Sociais sinalan que “non se admitirán inscricións por teléfono. E como máximo soamente se poderá facer a inscrición doutra persoa (aparte dun mesmo/a) cada vez”.

Para novas inscricións as persoas interesadas terán que dirixirse á Casa do Concello en horario de 8 a 15 horas, de luns a venres. E no caso de renovacións de matrícula os interesados/as deberán dirixirse á profesora encargada de impartir o curso.

Diana Durán sinala que “co desenvolvemento deste programa de ximnasia preventiva para maiores preténdese incrementar e/ou manter a calidade de vida das persoas beneficiarias, tratando de estimular, orientar, promover o apoio psicoafectivo, a saúde, o apoio familiar, etc. Trátase de manter e/ou acadar a recuperación física das persoas usuarias, intentando conseguir a máxima funcionalidade e autonomía posible. Para a consecución dos obxectivos marcados empréganse distintas técnicas coma: respiratorias, de mobilización, etc., xa que a rehabilitación física supón o logro dun maior grao de autonomía persoal no entorno cotiá, familiar, relacións sociais, etc. mediante un tratamento global”.

A edil popular indica que “dado que o envellecemento activo é un proceso que require da optimización de oportunidades para loitar pola saúde, pola participación activa da vida e pola seguridade de alcanzar calidade de vida cando se envellece, dende esta delegación considérase que estes obxectivos deben incluírse nun marco municipal de traballo que propicie accións orientadas a preservar a saúde e potenciar a participación das persoas maiores, incluíndo aquelas que contan con algún tipo de discapacidade e/ou precisa doutro tipo de atención, que son precisamente os obxectivos que persegue a ximnasia preventiva para maiores”. Durán engade que “ademais de servir como medida preventiva, o exercicio físico é fundamental no control de distintas patoloxías, primeira causa de enfermidade e morte na poboación maior de 60 anos. De aí que a actividade física terapéutica constitúa unha ferramenta preventiva de primeira orde”.

Exit mobile version