Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo de teatro do CC Ollomao estrea o sábado nova obra en San Miguel de Reinante

“Oé, Oé, Oé”, a obra de teatro escrita por Maxi Rodríguez, foi a escollida para ser a segunda peza que representará o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros, ao longo do presente ano. O citado grupo comezou a súa andaina a comezos do 2013 chegando a facer ata 12 funcións da súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse” ás cales asistiron máis de 3000 persoas.

Un ano despois, o pavillón de San Miguel de Reinante volverá converterse nun auditorio para acoller a primeira representación de “Oé, Oé, Oé”, unha obra que tenta facer reflexionar sobre a paixón futbolística como escusa para desviar a nosa atención da crise e demais problemas que nos afectan. Esta obra, estreada en Asturias no ano 1994 percorreu gran parte da xeografía española e foi traducida ao galego por Roberto Vidal Bolaño e representada polo grupo “Teatro do Aquí” no que supuxo un dos maiores éxitos de público do teatro galego. Tamén foi estreada con grande éxito en Portugal, distintos países iberoamericanos e, recentemente , en Grecia. Nesta ocasión, o grupo de teatro de Ollomao parte do orixinal de Maxi Rodríguez para traducilo, adaptalo e actualizalo. Como di Jorge Valdano no prólogo da obra ; “Oé, oé, oé!” convida co seu título a un xúbilo mentireiro; a obra enteira está salpicada dun humor que de entrada fai cóxegas pero de saída rabuña.

A estrea será o sábado 11 de xaneiro ás 8 da tarde. A entrada a este acto tén un prezo de 2 €, recadación que o Colectivo Cultural Ollomao destina ao mantemento e cobertura dos gastos do grupo de teatro. As entradas están dispoñibles na venda anticipada nos bares de San Miguel de Reinante e mais o mesmo día da función en taquilla, que abrirá ás 7 da tarde.

Así mesmo, a organización planificou xa unha xira por varias das parroquias de Barreiros, que comprende un total de 9 funcións ata o mes de xullo. A próxima cita terá lugar no centro social de San Xusto de Cabarcos, o domingo 19 de xaneiro ás 5 da tarde.

Exit mobile version