Foz, 15 de xaneiro de 2014. O Concello de Foz organiza un ciclo de teatro infantil con catro representacións dende este mes ata maio. O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo, destaca que todas as compañías son profesionais e ofrecerán as mellores obras para nen@s que se poden ver actualmente en Galicia.
Ánxel Paleo explicou que “a programación teatral que teremos no primeiro semestre deste ano 2014 está subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, e entra dentro da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. A Consellería subvenciona o 60 por cento do custo e o Concello pon o 40 por cento restante”.
O concelleiro de Cultura destacou que “todas as compañías que escollemos son profesionais e fixemos unha selección das mellores obras que se poden ver en Galicia neste momento. A actividade teatral comeza neste mes de xaneiro, concretamente o sábado 25, coa representación da obra infantil A nena e o grilo nun barquiño. Nesta obra introducimos unha novidade, porque catro músicos actúan en directo acompañando aos actores. A seguinte representación será o sábado día 8 de febreiro coa obra Xango, da compañía Talía Teatro. No mes de abril o sábado día 5 teremos outra novidade na obra Baleadas, da compañía trasPediante, na que se introduce a danza e a animación na escena con gafas 3D. E a última obra deste primeiro semestre será o sábado 3 de maio coa compañía de teatro Baobab, que representará a obra O soldadiño de chumbo”.
Paleo rematou anunciando que “todas estas obras serán na sala Bahía ás 18:30 horas. Son todas infantís, dedicadas aos máis pequenos da casa”.