A Mariña, 14 de xaneiro de 2014. O BNG quere enviar a súa solidariedade e apoio á familia e amizades das mulleres asasinadas e fai un chamamento á sociedade mariñá a, de se confirmar que as mortes das dúas mulleres foron consecuencia da violencia machista, condenar e manifestar publicamente o rexeitamento e tolerancia cero con esta violencia, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes.
Neste sentido, o BNG esixe que se poña na axenda política a loita contra a violencia machista como asunto prioritario e se tomen medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres que poden chegar a ter como dramática consecuencia os asasinatos.
Para a formación frontista, “máis aló das mostras de rexeitamento que poida haber en situacións concretas, os poderes públicos deben combater cos medios adecuados a violencia machista; incrementando os recursos materiais e persoais na loita contra a violencia e promovendo a coeducación e evitando a discriminación da vida pública para tentar unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres.”