Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña demanda explicacións polo desabastecemento de material sanitario no Hospital da Costa

A Mariña, 9 de xaneiro de 2014. O BNG da Mariña denuncia o desabastecemento de menciñas e material sanitario básico no Hospital da Costa que leva varios día reciclando dun departamentos a outros produtos tan básicos como o ventolín, de uso frecuente en persoas con afeccións asmáticas, por ter desabastecida a farmacia do propio hospital. Os nacionalistas piden explicacións á xerencia do Hospital e á Xerencia de Xestión Integrada a quen responsabilizan da situación por non prever o mantemento do material sanitario de uso común básico para a asistencia sanitaria. Pola contra aseguran que o SERGAS, moi ao contrario do sucedido coa amortización de prazas médicas en Cervo, Xove e Ribadeo, cubriu con urxencia a xubilación dun dos dous curas de servizos no Hospital da Costa poñendo por diante a asistencia espiritual da asistencia sanitaria.

O BNG pediu explicacións á Xerencia Executiva do Hospital da Costa de Burela e á Xerencia de Xestión Integrada con dirección en Lugo polo desabastecemento de material sanitario no Hospital da Costa que leva 48 horas sen material básico de uso común e tan frecuente como poda ser un ventolín. Os nacionalistas responsabilizan ao SERGAS e ás súas áreas de xestión en Lugo e Burela de situar a asistencia sanitaria en niveis do chamado terceiro mundo con hospitais desabastecidos de material básico para o seu funcionamento.

Na mesma dirección reclaman solucións inmediatas e explicacións aos dirixentes do Partido Popular na Mariña que defenderon a Área de Xestión Integrada como un achegamento e mellora da asistencia sanitaria cando o tempo e os feitos veñen dar a razón aos que defendiamos todo o contrario. Para o BNG a centralización de servizos e os modelos centralizados de xestión aplicados polo SERGAS están detrás do evidente deterioro da asistencia sanitaria en Galiza e na Mariña en particular, polo que aproveitan para preguntar si no modelo de central de compras posto en marcha polo SERGAS non hai boa distribución, para que serve?

O SERGAS PRIORIZA A ASISTENCIA ESPIRITUAL SOBRE A SANITARIA
O BNG aproveitou para poñer en cuestión as prioridades da Consellaría de Sanidade á hora de cubrir as necesidades do sistema sanitario galego onde “parece primar a asistencia espiritual sobre a sanitaria”, afirmando que diante da xubilación dun dos dous curas que prestan servizos no Hospital da Costa a súa praza foi cuberta con urxencia moi ao contrario do sucedido coas prazas médicas perdidas nos centros de saúde de Cervo, Xove ou Ribadeo.

Exit mobile version