“Dende o Concello de Foz queremos agradecerlle á Deputación de Lugo ter feito este acto de promoción da décimo primeira Festa do Berberecho de Foz. Para nós é un pracer estar aquí en Lugo, nunha cidade amiga, pois todos sabemos que moitos veciños de Lugo teñen a súa segunda residencia na Mariña, concretamente en Foz. E cada vez estamos máis cerca, a menos dunha hora, e cos últimos tramos da A-8 estaremos a 40 minutos”, manifestou o Javier Castiñeira.
O alcalde focense engadiu que “viñemos a promover a festa do chícaro de Foz pois queremos que todos os lucenses estean invitados xa que Lugo é un sitio onde saben degustar o bo produto. Nesta praza de abastos puidemos apreciar que moitos dos produtos da Mariña se venden aquí cunha gran frescura”.
Castiñeira felicitou “aos que levaron este evento de promoción á praza de abastos de Santo Domingo, que estaba moi concorrida e onde puidemos promover esta festa dunha forma moi importante. Queremos agradecer tamén ao restaurante España, que fixo unha pequena degustación de berberechos, que estaban exquisitos”.
O rexedor municipal focense convidou a todos a participar esta fin de semana, dende o venres 17 ata o domingo 19, na Festa do Berberecho “polos locais de hostalería de Foz e na carpa, onde se poderán degustar catro variedades de pratos con berberecho: en empanada, ao vapor, en salsa mariñeira e a innovación para este ano é a combinación de dous produtos da Mariña como son o chícaro ou berberecho e a faba de Lourenzá, que é o prato estrela. Esperamos que guste”.
Javier Castiñeira rematou agradecendo “a todas aquelas administracións que colaboran coa Festa do Berberecho, entre elas a Deputación de Lugo, que foi a promotora desta presentación”.