Trabada, 13 de xaneiro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou este luns “o esforzo para a posta en valor do entorno natural” que desenvolve o Executivo galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
A representante do Goberno autonómico en Lugo, acompañada polo alcalde de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, fixo estas declaracións durante a visita que realizou hoxe a este concello, onde revisou os traballos rematados na fraga de Belosiña, no que foi recuperado un muíño de auga e o seu entorno co obxectivo de empregar este espazo como área de desenvolvemento turístico e recreativo da zona.
Ao mesmo tempo, a actuación serve tamén para revalorizar un enclave único do municipio trabadense, posto que esta fraga representa un exemplo de bosque de frondosas nun territorio no que abundan outro tipo de especies para aproveitamento forestal.
Arias significou que o departamento autonómico amosa con actuacións como a realizada na fraga de Belosiña que “segue a cumprir co seu compromiso de coidar o noso entorno, a nosa paisaxe, porque non só contribúe a preservar a nosa identidade, senón que tamén supón un importante atractivo económico e turístico”. Neste sentido, Arias destacou que nos últimos meses, a consellería destinou máis de 160.000 euros a traballos de mellora, acondicionamento ou rehabilitación de espazos da comarca da Mariña en espazos de especial valor natural, como os realizados en Trabada.
No caso da fraga de Belosiña, os traballos realizados supuxeron un investimento de preto de 41.000 euros (40.992 euros), a través dos cales procedeuse á recuperación da canle e a captación de auga para abastecemento do muíño de río, así como a rehabilitación e limpeza dos dous camiños que dan acceso a este enclave. Así mesmo, actuouse na restauración daqueles elementos necesarios para permitir que o muíño poida funcionar e ser exposto ao público que se acerque á fraga, permitindo así expoñer in situ este exemplo da etnografía e do patrimonio da zona.
Outras obras na comarca
Arias explicou que estes investimentos realizados na Mariña serviron para sufragar tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, adecuación e restauración de rutas e camiños, así como promover a mellora das condicións ambientais en distintos concellos.
Deste xeito, outras obras na Mariña supuxeron, por exemplo, a disposición de dúas minidepuradoras para mellorar as condicións ambientais en senllos núcleos do concello de Ribadeo incluídos nunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), o acondicionamento de rutas de sendeirismo en Foz e actuacións para a mellora do souto da Retorta, en Viveiro.
Arias concluíu que o departamento autonómico pretende con estes investimentos non só a recuperación do medio natural da Mariña senón tamén “o fomento da protección destes espazos e a posta en valor da natureza e dos seus elementos”.