Arias felicitou ás rapazas gañadoras, Beatriz Yáñez Teijeiro, de sexto curso de Primaria do CPI Virxe do Monte de Cospeito, e Marta Mera Fernández, que cursa primeiro da ESO no IES Anxel Fole de Lugo, ao tempo que gabou aos centros educativos en xeral –e aos gañadores en particular- pola acollida que dispensaron a esta iniciativa.
No acto, que tivo lugar na Biblioteca Nodal de Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a delegada subliñou que grazas a este programa achegáronse ao porto de Celeiro (Viveiro) máis de 500 rapazas e rapaces do interior da provincia. “Levaron a lección ben aprendida e, ben seguro, esa lección contribuíu a aumentar o seu gusto polo pescado, outro dos obxectivos pretendidos”, afirmou.
Nas excursións ao porto, os rapaces realizaron unha visita guiada á aula da confraría e coñeceron o proceso de subasta na lonxa, a equipación dun barco con toda a súa carga tecnolóxica (sonar, radar, GPS, sonda…) e mesmo viron o operativo de salvamento que ten base no peirao celeirense co helicóptero Pesca-II. Despois, foron invitados a narrar as súas impresións e participar no certame de narración.
Xunto coa oportunidade de valorar a actividade pesqueira mariñá, o programa Mariñeiros por un día pretendía que os escolares coñeceran as principais especies comercializadas nesta comarca e todo o proceso que hai detrás da posta á venda dos produtos pesqueiros.
Arias lembrou que a pesca é un dos motores económicos da nosa provincia e explicou que “no pasado ano nas nosas lonxas movéronse algo máis de 102 millóns de euros, con contribución especialmente destacada das lonxas de Burela e Celeiro”.
O proxecto, que contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estivo impulsado pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro e Porto de Celeiro e a Real Liga Naval Española, que estiveron representados tamén no acto de entrega celebrado este mércores polo patrón maior do pósito, Domingo Rey Seijas, e polo delegado da liga en Lugo, Antonio Nores, respectivamente.