Manuel Blanco resalta a importancia desta renovación xa que “Iago Míguez é patrimonio do Burela Pescados Rubén, un xogador da casa do que nos sentimos moi orgullosos e que esperamos que manteña a súa progresión e consiga demostrar todo o seu potencial”.
O xogador canteirán afirmou sentirse “orgulloso e feliz de prolongar a miña relación co Burela Pescados Rubén que é a miña casa. Desde pequeno gocei do fútbol sala en Vista Alegre e era un soño poder ser xogador profesional. Afortunadamente puiden conseguir esa meta e ademais xogar en Primeira División coas cores do meu equipo, é algo especial. Agradezo a confianza que o club deposita en min e é unha motivación extra seguir de laranxa nesta etapa de consolidación do club na máxima categoría e poder aspirar a obxectivos máis ambiciosos cada tempada”.
Aos 22 anos, Iago Míguez logrou asentarse no conxunto burelés dirixido por Juanlu Alonso do que destaca que “é unha referencia no fútbol sala. Desde a súa chegada axudounos a crecer en moitos aspectos do xogo; tanto a nivel individual como colectivo e estamos convencidos que seguiremos progresando e lograremos os obxectivos marcados. É un pracer estar dirixido por un técnico do seu prestixio, sempre estamos aprendendo e transmítenos a súa paixón polo fútbol sala”.
No aspecto persoal, Iago Míguez séntese “nun momento doce da miña carreira pero son esixente comigo mesmo e sei que aínda debo mellorar e pulir moitos aspectos para dar máis ao equipo”. Coa súa mocidade, calidade e experiencia na élite do fútbol sala, Iago converteuse nunha referencia para a canteira burelesa e, lóxicamente, para a afección laranxa “a quen hai que agradecer sempre o seu apoio xa que converteron Vista Alegre nunha referencia nacional do fútbol sala pola forma de sentir e vivir os partidos”.