O Burela Pescados Rubén comeza o ano dando a campanada ao vencer a ElPozo Murcia (3-4) no Palacio dos Deportes, inexpugnable ata a data. Triunfo histórico do conxunto mariñao nun dos coliseos do Fútbol Sala internacional que foi testemuña do orgullo laranxa nun partido con intriga e suspense ata o final.
Na primeira fase do encontro e tras varios intercambios de golpes, os locais lograron adiantarse no marcador cun gol de Álex pero o Burela, lonxe de amedrentarse, soubo plantar cara a ElPozo e logrou sobrepoñerse ao 1-0. Realizando unha gran presión e cun xogo intelixente, os bureleses conseguiron remontar antes do descanso con goles de Burrito (1-1) e do killer burelés, Matamoros (1-2).
No segundo capítulo, o Burela Pescados Rubén conseguiu amainar o envite murciano e facía dano cos seus contragolpes a un conxunto local que non se atopaba cómodo na pista. Os bureleses puideron aumentar a renda pero Rafa evitouno en varias ocasións. Co 1-2 chegouse ao tramo final cando Duda apostou polo xogo de cinco que tantas veces lle deu réditos.
Minutos de tolemia, incerteza e emocións
O primeiro en acertar foi o Burela que por mediación de Burrito que facía o 1-3, pero a resposta murciana chegou a través de Raúl Campos que con dous goles igualaba o choque (3-3) a falta tres minutos para o desenlace. A imbatibilidade do Palacio estaba en xogo e sen medo o Burela tamén buscou o triunfo con porteiro xogador. A cinco segundos para o final, Mimi certificou a histórica vitoria do Burela Pescados Rubén no coliseo murciano.