Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez valora de xeito moi positivo os movementos que se rexistraron no porto comercial de ribadeo

Ribadeo, 13 de xaneiro de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha valoración moi positiva dos movementos que se rexistran no porto comercial. Este luns o presidente de Portos de Galicia fixo balance das actividades de carga e descarga nos peiraos autonómicos. Ribadeo é o segundo porto galego en canto a tráfico de mercancías con 534.126 toneladas, das que 396.828 foron de pasta de papel.

O rexedor dixo que “os datos que se presentaron este venres poñen en valoración moi positiva o porto comercial de Ribadeo, tal e como sigue nesta progresión ao longo dos últimos tempos e que espantan aquelas cuestións de hai varios anos que dicían que dito peirao non ía ser capaz de sacar máis pasta de papel da que estaba a sacar e que era necesario facer vías férreas alternativas para poder dar satisfacción a esa demanda que había tan grande”.

Suárez Barcia sinalou: “debemos dicir que as cifras globais, de máis de 500.000 toneladas ao ano, practicamente o 75% corresponden a pasta de papel. Aínda que sae moita, podería saír moita máis, o que quere dicir que o porto de Ribadeo goza de moi boa saúde e que é un dos portos máis importantes nesta materia pola súa limpeza na operativa e pola súa menor manipulación, que é o que require este produto”.

O alcalde ribadense engadiu que “tanto a pasta de papel, como a madeira, coma outros produtos que saen do porto de Ribadeo estano a confirmar a que volva a ter un nivel de importancia maiúsculo no que é Galicia hoxe en día”.

Ribadeo xunto con Burela foi o porto no que máis medrou o tráfico de madeira en bruto, segundo os datos que se deron a coñecer este luns en Santiago de Compostela.

Exit mobile version