Ribadeo, 10 de xaneiro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle unha carta á directora xeral do IGVS, demandándolle que a Xunta asine canto antes os convenios co Concello e co Ministerio para a rehabilitación de vivendas e espazos públicos en Ribadeo e en Rinlo. Suárez Barcia subliña que é a primeira vez en máis de 10 anos en que a estas alturas están sen asinar os convenios dos ARIS para que os propietarios de inmobles dos cascos vellos poidan acollerse ás axudas establecidas para a súa rehabilitación.
O rexedor dixo que “sempre nos temos referido á importancia que ten suposto tanto para o casco vello de Ribadeo coma para o casco vello de Rinlo todas estas axudas derivadas dos convenios das Áreas de Rehabilitación Integral, que son financiados pola Xunta, polo Ministerio e polo Concello, para a parte de urbanización de espazos públicos, rúas, etc, e logo tamén para a parte de rehabilitación de vivendas neste caso polo Ministerio e pola Xunta”.
Suárez Barcia lembrou que “isto é así desde o ano 2002 e agora que estamos empezando o 2014 debemos dicir que nos 10 convenios que levamos asinado en Ribadeo nunca coma ata o de agora temos pendente de asinar un novo convenio, de tal maneira que a día de hoxe a moita xente que quere someterse ou ter axudas para rehabilitar vivendas no casco vello, estámoslle a dicir que lamentablemente non as pode solicitar porque non saíu a orde de convocatoria, xa que os convenios correspondentes a esta anualidade e á anterior deberían estar asinados, sabemos que a parte do Ministerio está resolta desde hai meses, pero a Xunta aínda non o ten resolto”.
O alcalde ribadense engadiu que “o tempo pasa e desde Concello somos moi cautelosos, estámoslles a enviar requerimentos a moitos dos propietarios de vivendas para que as amañen e dóenos que non se poidan acoller a axudas ás que teñen dereito e que por non terse asinado este convenio entre a Xunta e o Ministerio non poidan ter acceso ás mesmas. De aí que lle acabo de enviar unha carta á directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo para que Ribadeo e outros concellos, aínda que eu preocúpome polo que me toca, deixemos de estar nesta situación de espera inédita, porque nunca desde o 2002 se produciu esta circunstancia, e si á xente lle pedimos compromiso coas súas vivendas tamén é lóxico que poñamos á súa disposición instrumentos que a Xunta e que o goberno do Estado teñen, pero que non dan resolto”.
Segundo recolle a carta que o alcalde lle mandou á directora xeral do IGVS con 10 convenios en Ribadeo rehabilitáronse 213 inmobles dos 370 previstos nos últimos dez anos e con 3 convenios en Rinlo adecentaronse 32 vivendas das 311 susceptibles de rehabilitación.