Neste sentido, Lara Méndez subliñou que a Festa do Berberecho de Foz debería converterse en reivindicación da recuperación do marisqueo nas rías da Mariña, actividade que ten sufrido un importante retroceso nos últimos anos, cun descenso de máis do 40% nos permisos de marisqueo a pé, os “pérmex”. De feito, a actividade do marisqueo chegou a dar ocupación a máis de 160 traballadores na Mariña a comezos dos anos 2000 ata converterse nunha actividade pouco máis que anecdótica, á vista dos algo máis de 70 traballadores que contan con este permiso de marisqueo na actualidade. Méndez destacou que esta é unha cifra significativa, ó marxe da abundancia da especie, polo que a Vicepresidenta Segunda avogou por facer o esforzo de “recuperar e poñer en valor o marisqueo, unha actividade tradicional da nosa costa, que en tempos de crise pode significar a xeración de novos postos de traballo”.
Durante o acto de presentación, na que os asistentes e o público presente tivo a oportunidade de degustar diferentes preparacións baseadas neste molusco, como empanadas e escabeches, elaboradas de xeito gratuíto polo restaurante España, Méndez lembrou o valor engadido que a gastronomía aporta ós atractivos turísticos da Mariña, por ser “un factor capaz de crear emprego e xerar riqueza de xeito desestacionalizado. Calquera excusa é boa para achegarse á Mariña en calquera época do ano, porque é moito e moi bo o que a nosa costa ofrece”
Plan Estratéxico de Subvencións
O Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación de Lugo conta no 2014 con 3,6 millóns de euros para apoiar máis de medio centenar de eventos que se celebrarán en case 40 Concellos da provincia, e que serven a un dobre obxectivo: ó tempo que potencian os principais sectores produtivos, axudando á promoción e mellora da comercialización dos produtos autóctonos de calidade, supoñen un importante impulso para as economías dos Concellos nos que estes eventos teñen lugar e para os limítrofes, xa que aumentan a afluencia de visitantes que dinamizan o consumo en negocios locais e sitúan ós municipios no mapa turístico da provincia.
Neste Plan tamén se inclúen as axudas a todas as confrarías de pescadores da provincia. De feito, no 2014 a Deputación volve prestar colaboración económica á Cofradía de Pescadores do Vicedo; á Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro; á Cofradía de Santa María do Campo de Ribadeo; á Cofradía de Pescadores de Burela; á Cofradía de Pescadores de San Ciprián, á Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros e á Cofradía de Pescadores de Foz. A de Lugo é, dende hai anos, a única Deputación galega que colabora coa totalidade das confrarías existentes na súa costa.
O berberecho, protagonista
Os actos desenvolveranse entre os días 17 e 19 de xaneiro, malia que o día 15 haberá unha xornada de exploración da ría focense a cargo dun biólogo mariño e dirixida a estudantes de secundaria. Tras o pregón que pronunciará ás 20:00 horas o presidente do Patrón Maior da Confradía de Pescadores de Burela, darán comezo dous días nos que as degustacións das especialidades baseadas no berberecho preparados por diferentes locais de Foz terán especial protagonismo. Os pratos preparados na carpa habilitada no peirao de Foz terán un prezo de 4 euros e as actividades completaranse con música e animacións pola rúas.