Cervo, 9 de xaneiro de 2014- A Concellería de Igualdade do Concello de Cervo, que dirixe Pilar Armada, ofrece un ano máis o curso de palillar, gratuíto e aberto a todos os públicos, para o que xa está aberto o prazo do inscrición, que se pode realizar na Casa da Cultura e na Casa do Concello ata o 15 de xaneiro. As clases comezarán a semana que vén, unha vez pechado o período para apuntarse.
Esta actividade, que se vén ofrecendo nos últimos anos de forma continuada, inclúese no programa complementario ao Encontro de Palilleiras, que se adoita celebrar no mes de abril e que este ano chegará á súa edición número 11. Este é o cuarto ano que se ofrece a actividade, que está completamente consolidada e que sempre rexistra bos niveis de participación.
Nel a profesora, a palilleira Modesta Lombardero, con anos de experiencia e implicada na organización do encontro, ensina esta técnica tradicional ao alumnado, tanto ao que comeza por primeira vez como ao que continúa. O curso de palillar ofrécese en Cervo e en San Ciprián co obxectivo de que acuda o máximo número de persoas posible.
A edil de Igualdade asegura que “pretendemos seguir potenciando a práctica dunha tradición moi arraigada no noso municipio a través de diversas iniciativas, tanto con cursos coma este, no que os participantes poden experimentar este proceso artesanal único, como co Encontro de Palilleiras, no que enxalzamos o noso a través dun evento multitudinario ao que acoden centos de persoas todos os anos”.