Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo traballa na ampliación do ximnasio da piscina municipal onde inviste 9.000 euros

obras_ximnasioCervo, 4 de xaneiro de 2014- Esta semana arrincaron as obras de ampliación do ximnasio situado na piscina municipal de Lieiro. Os traballos suporán o aumento de superficie útil para ofrecer os servizos do ximnasio público, que pasará dos 120 metros cadrados actuais aos 200 metros cadrados totais ao remate das obras.

Este proxecto implica a demolición de certos muros e o aproveitamento e mellora de espazos contiguos ao ximnasio que ata o de agora se atopaban en desuso. Ao mesmo tempo, é importante destacar que este mércores, día 8 de xaneiro, as instalacións do ximnasio permanecerán pechadas ao público durante todo o día para realizar certas tarefas con total seguridade. Da mesma maneira, o resto de servizos do edificio, como son a piscina, os vestiarios ou a sauna, seguiranse ofrecendo con normalidade ese día.

As obras de ampliación do ximnasio, que rematarán este mes previsiblemente, supoñen un investimento de 9.000 euros que realiza o Concello con fondos propios municipais. Uns traballos cos que a administración local pretende optimizar “a prestación dun servizo que rexistra elevados niveis de demanda e de utilización” explica o edil de Deportes, Luis Guillén, que comprobou o desenvolvemento dos traballos xunto ao alcalde, Alfonso Villares, técnicos municipais e operarios.

Unhas obras que encaixan na liña de mellora e mantemento das instalacións públicas como forma de potenciar o seu aproveitamento por parte da cidadanía, como se estivo facendo por exemplo, no últimos días, con varios locais sociais. No caso da piscina, hai uns meses leváronse a cabo obras de mellora da cuberta, do canlón ou do sistema de quecemento de auga con medidas de mellora da eficiencia enerxética que tamén redundaron no benestar dos usuarios desta instalación deportiva, que tiveron un custo de 27.100 euros e contaron cunha subvención da Xunta de Galicia.

Exit mobile version