O acto comezou coa lectura dun manifesto por parte do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que quixo transmitir o rexeitamento do Concello e do conxunto da sociedade a todo acto de violencia ou maltrato, e a condena firme e unánime á violencia de xénero.
Villares tamén quixo lembrar ás dúas veciñas falecidas: “Imos notar moito a vosa falta. De feito, só hai unhas horas que non estades aquí, e xa vos botamos de menos”, asegurou; e tamén apoiar á familia e persoas achegadas: “Queremos que esta concentración vos dea forzas, se isto é posible, darvos o noso apoio, que sintades o noso calor”. Ao remate da lectura, as persoas asistentes gardaron cinco minutos de silencio en homenaxe ás dúas vítimas.
Tras finalizar a concentración, o rexedor asegurou que “para min, que as coñecía, as apreciaba e trataba con elas, é moi difícil da asimilar que alguén lles puidese quitar a vida, pero ademais, é imposible de entender”. Villares manifestou que “actos tan violentos e brutais coma estes nunca terán a comprensión nin a xustificación por parte da nosa sociedade” e desexou “que ninguén se vaia deste mundo da forma na que o fixeron as nosas veciñas”.
O Concello de Cervo xa transmitiu as súas condolencias a familiares e amigos das dúas vítimas. Do mesmo xeito, o decreto de tres días de loito, activo dende as 19 horas de onte ata as 19 horas do venres, implica a cancelación de todo acto oficial previsto para esas datas. A bandeira municipal ondea a media hasta e con crespón negro.
MANIFESTO
Estar aquí hoxe sabendo que Adela e María José non están con nós é moi duro. Dúas boas persoas, mulleres traballadoras, humildes, nai e filla, que non lle farían dano a ninguén. Eu aínda non me podo crer que isto pasase, unha sensación que seguro compartides comigo todos os que estades aquí. Porque é certo, desexas que traxedias coma esta nunca ocorran, e moito menos a unha veciña túa ou, coma neste caso, a dúas. Pero sucedeu, e temos que conseguir que non volva pasar.
Hoxe ningún de nós tería que estar aquí concentrándose en contra da violencia de xénero, nin amosando a nosa repulsa contra actos crueis e que provocan dor. Porque isto non tería que ter pasado xamais. Impotencia, dor, tristeza…son moitos os sentimentos que temos todas as persoas que tivemos a sorte de coñecer a Adela e a María José.
Imos notar moito a vosa falta. De feito, só hai unhas horas que non estades aquí, e xa vos botamos de menos.
Pero ben seguro que calquera persoa que escoitase o que ocorreu en Cervo ten tamén o corazón encollido. Un feito atroz, brutal, covarde, inxusto. Todas as palabras son poucas para definir todo o mal que pode provocar unha soa persoa nunha familia, e nunha sociedade.
Ningún home debería sentirse con dereito a arrebatarlle a vida a unha muller. Ningún home debería sentirse máis forte ca unha muller. Ningún home debería humillar, facer sufrir, facer chorar, facer suplicar, ou dobregar a vontade dunha muller. Ningunha persoa debería facer dano a ningunha outra.
Rexeitamos a violencia, repudiamos a violencia de xénero, condenamos toda clase de maltrato e calquera forma de facer dano. E por suposto, toda a sociedade unida temos que traballar para que estas traxedias non se volvan repetir.
Vexo aquí a veciños, e amigos e amigas de Adela e María José. Queremos que esta concentración tamén vos dea forzas, se isto é posible, darvos o noso apoio, que sintades o noso calor. Tamén quero darvos as grazas a todos os que estades hoxe aquí, con sentimentos encontrados. Por unha banda, querendo deixar clara a nosa repulsa unánime ao acontecido e, pola outra, coa pena e a dor de despedir a dúas veciñas.
Adela, María José, deixades un baleiro moi grande en todos nós. E xa sentimos a vosa ausencia. O voso recordo é o único que nos queda, pero ímolo gardar con moito cariño para sempre.