Cervo, 13 de xaneiro de 2014- A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Begoña Alonso, lembra que o venres 17 é o último día para realizar o pedido conxunto de árbores que pon en marcha o Concello de Cervo. A veciñanza pode elixir entre preto de 125 especies diferentes, moitas delas autóctonas, e beneficiarse das vantaxes e facilidades dun pedido colectivo fronte a un individual.
As persoas interesadas deben poñerse en contacto co Concello de Cervo, onde se lles facilitará a folla de pedido e a lista de todas as árbores dispoñibles. O seguinte paso será a entrega, que está prevista para comezos do mes de febreiro.
Os cervenses solicitaron xa sobre 40 árbores, entre forestais e froiteiros, e a Concellería convida á poboación a participar nesta iniciativa coa que “pretendemos fomentar la creación de pequeñas plantaciones domésticas y contribuir a diversificar las especies que proliferan en las propiedades de los vecinos, dándole especial importancia a las especies autóctonas” explica a edil.
Deste xeito, o Concello busca estender o seu proxecto de recuperar o bosque atlántico típico da zona máis alá das propiedades municipais, onde ata o de agora se estiveron facendo múltiples plantacións de árbores autóctonas, especialmente no monte Escarabelada, pero tamén noutros de titularidade pública, así como colaborando na reforestación de montes comunais.