Cervo, 8 de xaneiro de 2014- O Concello de Cervo continúa coa súa liña de mellorar e manter as instalacións e edificios públicos nos que se desenvolven actividades e se prestan servizos. Neste caso, acometeuse a renovación de boa parte do canlón de recollida de auga da antiga escola de Rúa. Unha obra que tivo un custo duns 2.000 euros.
Esta acción realizouse pouco despois de que o Concello renovase tamén a instalación eléctrica dese mesmo edificio co obxectivo de dotalo de máis potencia. Traballos que neste caso supuxeron un investimento duns 4.000 euros. Deste xeito, a administración cervense destinou uns 6.000 euros a tarefas de mantemento da escola de Rúa, financiados con fondos públicos municipais.
En ambos casos o obxectivo era facer importantes melloras nun local moi utilizado e no que se levan a cabo numerosas actividades, tanto postas en marcha polo Concello como por asociacións, e que desenvolven unha importante función social como lugar de encontro e reunión.
“Sabemos que manter en bo estado os locais e edificios públicos tamén significa mellorar a calidade das actividades e dos servizos que se ofrecen á cidadanía” explica o edil, José Ramón Soto, que estivo en Rúa comprobando o resultado dos traballos xunto ao alcalde, Alfonso Villares, a edil Yolanda Pedreira, técnicos municipais e o pedáneo de Rúa.
Outro dos exemplos desta aposta é a ampliación do local social de Trasbar, cuxas obras arrincaron este mes, ou o proxecto de ampliación do ximnasio situado na piscina municipal de Lieiro, que se comezou a executar a semana pasada e que permitirá dispoñer dun ximnasio de 200 metros cadrados de superficie, 80 máis que ata o de agora. Precisamente este mércores o ximnasio permanece pechado por mor deses traballos, aínda que se reabrirá este xoves con normalidade. O resto dos servizos da instalación, como a piscina e a sauna, mantéñense en funcionamento.