Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra o Día do Xornalista co taller de radio “Cervo nas ondas” e un Concurso infantil de noticias

Cervo, 7 de xaneiro de 2014- O Concello de Cervo informa de que xa está aberto o prazo de inscrición nas actividades previstas para celebrar o Día do Xornalista. Trátase de dúas iniciativas diferentes, relacionadas coa prensa escrita e cos medios audiovisuais respectivamente, cos que a Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, pretende “achegar aos nenos e nenas ao mundo da información e da comunicación como ferramentas do coñecemento”.

En concreto, a delegación ofrece o taller de radio “Cervo nas ondas”, dirixido a nenos e nenas de 4º, 5º e 6º curso de primaria e que se impartirá os venres 10, 17 e 24 de xaneiro, de 16:30 a 17:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Nel, os participantes aprenderán pequenas nocións sobre linguaxe radiofónica e ensaiarán a locución de noticias, reportaxes e outros xéneros deste medio de comunicación. O obradoiro rematará o 24 de xaneiro ás 16:30 h, o Día do Xornalista, coa emisión dun programa en directo e aberto ao público.

A inscrición neste taller pódese realizar na Casa da Cultura e na Casa do Concello, entregando as fichas que se facilitarán nos centros educativos, tendo en conta que a primeira sesión será este próximo venres e que é recomendable que os participantes acudan os tres día fixados para rematar a actividade con éxito.

Outra das actividades previstas é o Concurso infantil de noticias, que se abrirá o día 9 de xaneiro, cando se fagan chegar as bases aos colexios do municipio. Nel, poden participar os nenos de segundo ciclo de infantil e de todos os cursos de primaria, aínda que se establecen dúas categorías por idades. Unha é a categoría A, na que se inclúen os nenos e nenas de infantil e de 1º e 2º de primaria, que terán que escoller unha noticia da prensa escrita, recortala, poñela nunha plantilla e debuxar a man unha posible fotografía para ilustrar dita información.

No caso dos nenos de 3º a 6º de primaria, os da categoría B, tamén terán que escoller, recortar e pegar nunha plantilla unha noticia, pero neste caso ademais de ilustrala, terán que redactar a información, elaborando unha noticia nova baseándose nos datos da orixinal pero sen copiala. Os traballos pódense levar ata o 17 de xaneiro á Casa da Cultura e á Casa do Concello. A entrega de premios será o mesmo día da emisión do programa de radio, o 24 de xaneiro ás 16:30 h. na Casa da Cultura.

Ocioteca
Do mesmo xeito, ábrese o prazo de inscrición para a Ocioteca, unha actividade de continuidade nos Pasatempos de Inverno e que se veu ofrecendo tamén nos de Nadal e nos de Outono, rexistrando moito éxito.

Este ano, a inscrición vaise facer de forma mensual, polo que na ficha os pais e nais poderán elixir que días queren que os seus fillos acudan. Así, esta semana entregaranse nos colexios do municipio as fichas de inscrición para os días 11, 18 e 25 de xaneiro. Lembrar que os horarios son de 11 a 12:30 h para segundo ciclo de infantil e de 12:30 a 14 h. para primaria, ambos na Casa do Mar.

Exit mobile version