Site icon Crónica3.com A Mariña

Capaces Lugo organiza un curso básico de PECS oficial

9 de xaneiro, Lugo.- A asociación de familias de nenos e nenas con autismo Capaces Lugo organiza para o vindeiro mes de febreiro un curso básico de PECS oficial, un sistema de comunicación por intercambio de imaxes que permite ás persoas con autismo iniciarse na comunicación.

Este método de comunicación alternativa e aumentativa, amplamente recoñecido polos especialistas, serve ás persoas con autismo para comezar a se comunicar, interactuando con outras persoas e pedindo o que queren. Consta de varias fases, de xeito que a aprendizaxe da persoa vai mellorando ata poder expresar o que ve ou o que sinte en frases sinxelas.

Esta formación vai dirixida a familiares de persoas con trastorno do espectro do autismo, así como a profesores, logopedas e outros terapeutas que traballan con este colectivo. Unha vez aprendido o método, cada persoa pode crear os seus propios materiais de traballo, de xeito que é un sistema de comunicación económico e adaptable ás necesidades de cada persoa.

O curso, que conta co apoio da Universidade de Santiago, terá lugar os días 1 e 2 de febreiro en horario de mañá e tarde no Instituo de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), no Campus de Lugo. Terá un custo de 200€ para os socios de Capaces Lugo e para os estudantes da USC, e de 250€ para o resto do público. O prazo de inscrición remata o 17 de xaneiro.

Mais información e inscricións na web capaceslugo.blogspot.com.es, escribindo un correo a capaceslugo@gmail.com ou chamando ao 626 21 39 90.

Exit mobile version