A pesar da choiva que comezaba a caer e do forte vento que azoutou durante toda a xornada a Mariña, as súas maxestades de oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, visitaron na noite do día 5 de xaneiro o concello de Alfoz. Despois do habitual recorrido polas parroquias do concello, estiveron un bo rato no castelo do Castro de Ouro, onde foron recibidos polo Alcalde, que lles entregou un ano máis a chave de Alfoz, e por numerosos veciños, sobre todo pequenos, que mostraron unha gran ilusión coa chegada dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar repartiron caramelos e agasallos entre os nenos, visitaron o Belén Vivinte que había nas inmediacións do castelo e recibiron as peticións de moitos pequenos para esta noite. Logo as súas maxestades fóronse e os asistentes ó acto puideron degustar un riquísimo chocolate, moi quente e moi azucrado. Todos os actos foron o froito da esforzada organización da Asociación Cultural “O Castelo” e de moitos veciños colaboradores.