Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro explica a accionistas do Breogán que a proposta da Deputación garante os intereses dos socios e a legalidade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este mércores un encontro cos tres accionistas do CB Breogán que lle solicitaron unha entrevista a título persoal, non en representación da masa accionarial, sobre o proceso de venda das accións que a institución provincial ten do club. Gómez Besteiro explicoulles a Julio González, Luis Anido e Luis Castro que a proposta da Deputación garante “os intereses da provincia de Lugo e do colectivo breoganista, conxugándoos coa lexislación societaria e patrimonial vixente”.

Tamén incidiu en que a Deputación está a cumprir “un compromiso político”, pois considera que unha Administración pública non debe ser propietaria de clubs deportivos profesionais, algo que “cremos que comparte a maioría dos cidadáns desta provincia”, indicou, e que os tres accionistas cos que Besteiro se reuniu hoxe tampouco cuestionan.

De feito, a decisión de saír do Breogán xa foi anunciada polo goberno provincial hai máis de medio ano -o 8 de xuño de 2013-, e a folla de ruta para deixar o CD Lugo tamén está perfectamente deseñada. “Pasará o mesmo co Club Deportivo Lugo. Nós aceptamos o compromiso de adquirir unhas accións nun determinado momento para que o club puidera estar en Segunda División, pero xa marcamos a vontade política de que non queremos permanecer nos clubs deportivos profesionais, máis alá de que seguimos apoiando a través de subvencións a todos os equipos de deporte desta provincia”, argumentou o Presidente.

A deslocalización é imposible
Besteiro coincidiu cos tres accionistas do Breogán cos que se reuniu en que a deslocalización “é imposible” por dous motivos:
– Primeiro, porque a Deputación só puxo á venda o 48% das súas accións, cando posúe aproximadamente o 60%.
– E segundo, porque os propios estatutos da entidade deportiva no seu artigo 21 establecen o seguinte: “Cando haxa que modificar o termo municipal onde estean ubicadas as instalacións deportivas utilizadas polo equipo profesional de baloncesto nas competicións oficiais, necesitarase o voto favorable do 75% do capital social para poder adoptar validamente dito acordo”.

Garántese deste xeito a viabilidade e gobernabilidade do club co fin de que volva a ser de todos os lucenses.

A poxa é o sistema que determina a Lei para a venda
A maiores de todo isto, os socios fundadores, accionistas e abonados teñen prioridade sobre calquera outro licitador externo na poxa, de maneira que, a mesmo prezo ofertado, sempre teñen prioridade estes colectivos. Tal e como figura no prego de cláusulas administrativas que rexen o alleamento de accións: “No suposto de que as ofertas presentadas superen o número de accións obxecto do presente procedemento, terán preferencia para a adxudicación aqueles licitadores que reuniran a condición de socio fundador, accionista ou aboado do Club de Baloncesto BREOGÁN S.A.D”.

O Presidente provincial coincidiu tamén cos accionistas cos que se entrevistou en que a poxa é o sistema que determina a lexislación vixente para que unha Administración pública poida vender as súas accións e saír dunha Sociedade Anónima Deportiva, como é o Breogán. Así o establece a Lei 33/2003 do Patrimonio das Administracións Públicas e o Regulamento de Bens das Entidades Locais. Julio González, un dos accionistas que se reuniu con Besteiro, recoñeceu publicamente ante os xornalistas que a poxa é “un medio idóneo” e “perfectamente legal”.

Así mesmo, na reunión tamén quedou aclarado que a venda directa ó accionariado non é legalmente posible. “Teño que facer o que marcan os técnicos, non estamos entre particulares comprando ou vendendo unha finca, estamos vendendo valores públicos e isto debe facerse no marco da lexislación en materia de patrimonio das administracións públicas, que non podo, nin son quen, nin quero saltarme; e o proceso fixado é o da subasta”, incidiu Besteiro.

O Presidente sinalou ó mesmo tempo que o proceso de enaxenación das accións non se pode deter xa que non se da ningún dos supostos que prevé para elo a normativa correspondente, a Lei 30/92 de Procedemento Administrativo Común.
Chamamento á tranquilidade

O mandatario provincial fixo un chamamento á tranquilidade, recalcando que isto non significa “nin moito menos unha desvinculación”, senón que a Deputación “seguirá apoiando ó Breogán”, tanto a través de axudas económicas, como facilitando o uso do Pazo dos Deportes.

Axilidade e transparencia da Deputación

Os tres accionistas que se reuniron esta mañá con Besteiro pediron a entrevista o pasado xoves, e a Deputación respondeu nese mesmo día á solicitude propoñendo ós interesados manter o encontro o venres, aínda que estes comunicaron que non podían acudir á cita, polo que dende Presidencia se puxeron de novo en contacto con eles, acordando o encontro para este mércores. Gómez Besteiro enmarcou esta xuntanza no ánimo da Deputación “de explicar con transparencia e discusión todo o procedemento porque pode haber xente mal informada, e polo tanto compre informar convenientemente”.

Exit mobile version