Ó comezo deste último conxunto de sesións anuais de suposta graza navideña, lin en internet, escrito por un ribadense e referíndose a Ribadeo: “O dos altavoces cos putos villancicos a todas horas en cada esquina é terrorismo. A ver se ven unha ciclogénesis explosiva criminal, ou dúas, e os manda ata Siberia polo menos”. Non reproduzo todos os comentarios ós que vin que dera lugar… dende aquela, nin e comentáronme unha morea de veces cousas semellantes en maior ou menor grao. Hoxe xa rematou esta tanda de música feita ruído indesexable.
Como a moita outra xente, gústame a música. A que eu elixo, non a que me impoñen. Cando quero, non de xeito repetitivo, machacón, non deixando espazo á tranquilidade, ó desfrute ou ó pensamento. Relaxada, non estipulada como traballo, tódolos días ás dez da mañá (desta volta, un pouco antes, quen puxo o programador debía ter o reloxo un pouco adiantado), sexa de diario ou domingo, ou mesmo o día de ano novo, ‘amenizando’ as rúas vacías a aquela hora, ou competindo, sobremontándose á do músico de rúa máis próximo.
De onde ven que haxa que atormentar os oídos no Nadal? Cre alguén que así se consigue esprito navideño? Cre alguén que así se incrementan as vendas?
De ónde, non sei a ben seguro, dos centros comerciais ‘cerrados’, con música máis baixa porque non teñen que facer fronte a outros ruídos da vida diaria, e con música máis variada.
O ‘esprito navideño’? Cecais o que se pretende ten pouco que ver co tal ‘esprito’, e máis co tema da pregunta seguinte, o medre das vendas. En todo caso, pode que se perdera a ansia dos compradores por falta de tranquilidade para organizar a compra. Andiven pola rede na procura de datos ou estudos, e non atopei un só estudo que diga algo como ‘unha música melindrosa repetida ata a saciedade nun amplo espazo público incrementa as ansias de compra da xente e as ganancias dos vendedores no entorno de dito espazo’. Non. Hai estudos sobre o pracer da escoita de música para que os establecementos sexan atractivos, pero non pasan por cousas como poñer música ‘de época’ de xeito empalagosamente repetitivo. Diría que a máis dunha persoa lle provoca o efecto contrario, de fuxida a lugares onde non se poda escoitar, un ano máis. E, en canto ó esprito de Nadal, remítome á cita de internet …
Hora de pensar nalgún cambio?
Antonio Gregorio Montes