A Mariña lucense, 4 de xaneiro de 2014.- O secretario do Parlamento galego e deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, destacou este sábado, que preto de 800 pensionistas da Mariña lucense recibirán este mes unha paga extraordinaria de 206 euros.
“Como apoio ás persoas vulnerables nos momentos de maior dificultade económica, este complemento está destinado ás persoas beneficiarias de pensións non contributivas; ás que perciben o fondo de asistencia social e ás que cobran o subsidio de garantía de ingresos”-explicou Jose Manuel Balseiro.
O pagamento desta extra realizarase ao longo deste mes de xaneiro, a través dunha transferencia bancaria na conta corrente onde os beneficiarios teñan domiciliado o recibo ordinario da súa prestación. Para este concepto a Xunta reserva preto de 9 millóns de euros.
Jose Manuel Balseiro destacou, en primeiro lugar, o carácter extraordinario do complemento das pensións non contributivas, xa que de acordo coa doutrina constitucional este complemento ten que ser excepcional e temporal, “e por iso o aprobamos ano a ano, en función da motivación da situación económica que estamos a vivir”. E, en segundo lugar, recordou que se trata dun complemento que só existe noutras dúas comunidades: Andalucía e Cataluña.
Diante destes datos, o parlamentario popular salientou que durante estes anos de crise, Galicia fixo un enorme esforzo orzamentario para manter este complemento, para incrementalo un 3% con respecto ao ano 2009 e para que ademais sexa o máis elevado de toda España.
Así mesmo, subliñou que ese esforzo necesario para poder abonalo é un paso máis dentro da aposta da Xunta por apoiar ás persoas máis desfavorecidas fronte á crise económica.
“Hoxe, polo tanto, queremos reiterar e materializar o compromiso do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo por establecer esta paga extraordinaria como fixemos en 2009, en 2010, en 2011, en 2012 e como imos facer no ano 2013. Coa dificultade propia do momento, estamos tentando demostrar á sociedade galega que hai unha vontade de seguir sendo sensibles coa situación de dificultade económica que están a padecer as familias que máis o necesitan”.