Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro asegura que “os once concellos lucenses que participan no plan de emprego da Deputación recibiron da Xunta 1,2 millóns de euros para a contratación de desempregados”

Lugo, 09 de xaneiro de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, explicou que os once concellos lucenses aos que se lle permitiu participar no Plan de emprego da Deputación de Lugo recibiron da Xunta 1,2 millóns de euros para a contratación de desempregados.

Os concellos de A Fonsagrada, Becerreá, A Pontenova, Pobra do Brollón, O Incio, Cervantes, Samos, Navia de Suarna, Pedradita do Cebreiro, Ribas de Sil e Negueira de Muñíz que son os únicos da provincia de Lugo que puideron acollerse ao plan posto en marcha por Besteiro recibiron desde 2011 –nas tres últimas anualidades- 1.236.599,20 euros a través do Plan de Cooperación da Xunta.

Este programa autonómico permite a contratación de veciños que se atopan en situación de desemprego, a custe cero para o concello, grazas ás axudas da Xunta, para realizar distintas tarefas de interese social que son decididas polos municipios beneficiarios.

Balseiro entende que coa contundencia deste dato queda demostrado que non é certo que estes once concellos sexan discriminados pola Xunta e lembra que a estas axudas habería que engadir, a maiores, as que recibiron para realizar cursos de formación de desempregados.
Tras insistir na falsidade dos argumentos empregados pola Deputación de Lugo para xustificar a posta en marcha dun Plan que deixa fóra a 55 dos 67 concellos da provincia, Balseiro lamentou unha vez máis que non se permita ao resto dos concellos lucenses beneficiarse dun programa de contratacións que a Deputación financia con cargos públicos e sen garantir a igualdade de oportunidades de todos desempregados lucenses.

Exit mobile version