O pasado sábado, 4 de xaneiro, celebrouse en Alfoz a Asemblea Xeral Anual do SEVA (Seminario de Estudos do Valadouro). Repasáronse as actividades realizadas durante o pasado ano 2013, no que o Seminario organizou diversas charlas e conferencias, a Primeira Edición do Festival de Curtametraxes de Alfoz, publicou dous Cadernos de Manuel Lourenzo e Lionel Rexes, colaborou na organización do Mercado Medieval de Alfoz e na organización do programa “Coñece Alfoz” de visitas escolares ó Val e organizou un Curso de Cestería de gran éxito. Iniciou tamén a gravación de varios vídeos sobre oficios tradicionais, comezou coa organización e catalogación dos libros dun futuro Museo Pedagóxico na antiga escola de Adelán e iniciou algunhas investigacións sobre diversos aspectos etnográficos. Durante a Asemblea propuxéronse novas actividades para o 2014 e renovouse a Xunta Directiva, que agora quedou formada por Xabier Pardiñas como Presidente, Jordi Melían como Secretario, Pablo Maseda como Tesoureiro e como vocais Lionel Rexes, Jorge Val, Pilar Díaz, Carlos Cornide e Pepe Peinó. Actualmente o número de socios do Seminario ascende a 44 e espérase ampliar este número en vindeiras datas.