Site icon Crónica3.com A Mariña

Aparecen tres cabalos sen identificación mortos na parroquia laurentina de San Adriano presuntamente por disparos de rifle

Lourenzá, 8 de xaneiro de 2014. Un veciño denunciou este mércores no Concello de Lourenzá a aparición de tres cabalos sen identificación mortos, presuntamente por disparos de rifle, na parroquia de San Adriano, concretamente no lugar de Real. Dende o Concello comunicaron o ocorrido aos servizos veterinarios da Xunta de Galicia, que avisaron ao Seprona para que investigue o suceso. Xunto ás reses mortas había un poldro vivo, que será capturado e levado a unha explotación equina.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, explicou que “hoxe rexistrouse unha denuncia no Concello por parte dun veciño de Redondelo (San Adriano) que atopou dous cabalos mortos na súa finca, onde había tamén un poldro vivo. Dende o Concello chamouse aos servizos veterinarios da oficina comarcal de Mondoñedo que se desprazaron ata o lugar, denominado Real, na parroquia de San Adriano, e atoparon as dúas reses equinas mortas, un macho e unha femia, e outra viva, de aproximadamente tres meses de idade. Non teñen marcas auriculares nin tampouco chip identificativo. A maiores, a uns 200 metros, nunha pista forestal de concentración apareceu outra res equina femia morta, tamén sen identificación. O veterinario da Xunta de Galicia comunicou ao Seprona que o motivo da morte dos cabalos é presuntamente por disparos de rifle”.

A rexedora engadiu que “dende o Concello hoxe mesmo sacamos un bando e, tendo en conta o que dispón o decreto 142/2012 de 14 de xuño no artigo 26 sobre a detención e captura dos équidos en liberdade, vamos proceder a capturar o poldro na tarde de hoxe. Se ben é certo que o artigo 27 di que temos que anunciar a captura durante un prazo máximo de seis días e un mínimo dun decidimos facelo de inmediato posto que ao ser un animal tan novo corre risco de morrer se non é atendido. O decreto di que pode ser trasladado a dependencias municipais ou a unha explotación equina e optamos pola segunda opción. O obxectivo do bando é para comunicar a captura e para intentar que apareza o dono. Se non é así levarase a cabo o destino que marca o artigo 28 do mesmo decreto, que pode ser venda en poxa pública, entrega gratuíta a espazos de acollida ou ben sacrificio en matadoiro autorizado cun destino que non sexa o consumo humano”.

Emma Álvarez rematou comentando que “en canto ás reses mortas o Concello xa avisou á empresa Tragsa para que as recollan despois de que o Seprona faga a investigación para tratar de descubrir quen as matou”.

Exit mobile version