Son en total 6 roteiros, un por mes, que percorrerán de norte a sur a provincia de Lugo, pasando pola Terra Chá, o Val do Neira, a Ribeira Sacra, a contorna de Riotorto ou de Quiroga e paisaxes nas que se xunguen os ríos coas rías, como poderemos comprobar no concello litoral de O Vicedo.
Os roteiros de ADEGA-Lugo realízanse todos os anos co gallo de achegar aos galegos e galegas á realidade ambiental, paisaxística, social e cultural do noso territorio. Todos eles están guiados por expertos coñecedores da zona a visitar para coñecer cales son os nosos valores ambientais máis próximos e aprender a convivir con eles dun xeito respectuoso e sostible.
O primeiro roteiro deste programa de 2014 discorrerá polas Terras de Aguiar de Outeiro de Rei, no que visitaremos as “augas mansas” da Lagoa das Cavadas, coñeceremos o que son as “veigas” e deterémonos no asentamento castrexo coñecido como “Castelo do Picato”. Tamén haberá ocasión para visitar a Casa-Museo do poeta chairego Manuel María e o proxecto de agroecoloxía e educación ambiental chamado “Vida de aldea”, localizado neste concello.
Os roteiros están dirixidos a toda a poboación galega e sen exclusión de idade. Son dunha lonxitude non superior ao 15 quilómetros e de xornada completa. O custe de cada actividade será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou en paro, e 5 euros para menores de 17 anos.
Os participantes deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados e reservar praza, como mínimo con 3 días de antelación, a través de email (adegalugo@adega.info) ou dos teléfonos 982240299 ou 679113718.