Lugo, 13 de xaneiro de 2013. O Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, anunciou este luns que o organismo provincial procederá a presentar un recurso ante a xustiza ordinaria para impugnar a Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia que fixa o copago sanitario na medicación para doentes crónicos no caso de que a Xunta de Galiza non actúe conforme a como están facendo a practica totalidade das autonomías e, por conseguinte, paralice a entrada en vigor en Galiza do mesmo.
“A Xunta de Castela – León, que saibamos nós gobernada polo Partido Popular, xa formalizou un recurso na xurisdición contencioso administrativa a fin de anular este Decreto. O Consello de Estado, presidido por alguén pouco sospeitoso de falta de afinidade co presidente Feijoo e o Partido Popular como é o Sr. Romay Becaría, tamén informou desfavorabelmente sobre a legalidade do Decreto 212/2012, no que se fixaba o copago para o transporte médico non urxente ou para as próteses e que serve de fundamento para a resolución de setembro de 2013. Que non teña dúbida algunha o Partido Popular e o presidente Feijoo de que esta é a nosa decisión, tal como reclamou publicamente a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e nesta dirección agardamos que o resto das institucións galegas interpeladas por este colectivo social procedan a recorrer diante da xustiza ordinaria estes copagos”, afirmou Veiga.
O vicepresidente da Deputación indicou que “a Área de Benestar da Deputación de Lugo vai abrir unha liña de axudas en concorrencia competitiva á que poderán concorrer os Concellos de Lugo que asuman o copago e que ten como obxectivo cubrir os gastos daqueles doentes crónicos que agora se ven afectados por esta medida; unha medida que lle nega aos doentes o dereito máis básico como é o dereito á sanidade e tal como indicou a propia presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Lugo está a provocar que moitas persoas que precisan de determinados medicamentos procederan a deixar de tratarse abandonando o mesmo. Non é a falta de dispoñibilidade orzamentaria, tampouco o custo que o mesmo implica para as arcas públicas o que xustifica a posición de Feijoo, son outras e as mesmas están vinculadas a que o Presidente da Xunta só sabe blindar a sanidade pública privatizando servizos ou excluíndo da mesma a quen menos ten”.
Antonio Veiga insistiu en que “ non deixa lugar a dúbidas que sexan Galiza e Aragón os únicos territorios nos que o seu Goberno manifestou a vontade de aplicar o copago, mesmamente cando outras comunidades como Madrid e Valencia, campioas da privatización, ou María Dolores de Cospedal en Castela- La Mancha, xa anunciaron a súa negativa a entrada en vigor do copago. O Presidente da Xunta de Galiza demostra non ter sentimentos e remata por converterse nun auténtico pesadelo para os galegos, un perigo público que pon en risco a vida dos doentes crónicos, un autentico killer para enfermos de cancro, de SIDA ou de hepatite”.
Xa por último o vicepresidente da Deputación denunciou que “ non imos consentir este novo repagamento, este novo imposto á enfermidade, supón unha carga moi importante na economía de moita xente desfavorecida, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes e outras que xa nin comezan o mes, unha medida que vai significar o sacrificio e o sufrimento para moitas persoas e que só podemos tratar de indigna, inhumana, inxusta, para alén de retratar un goberno que actúa ao servizo do poder económico. Velaquí un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas”.