A Deputación organiza esta programación destinada ás persoas maiores especialmente pensada para aumentar a súa autonomía e mellorar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Alfredo Llano destacou que esta programación enmárcase no compromiso da Deputación co benestar dos maiores e o emprego das novas tecnoloxías como unha ferramenta para mellorar a súa calidade de vida. O Deputado destacou que os cursos e obradoiros teñen un carácter eminentemente práctico e os asistentes aprenderán a pedir cita no médico ou xestionar a súa propia conta de correo electrónico, Facebook ou Twitter.
Pola súa banda, Pablo Rivera avanzou que estas 25 accións formativas -18 cursos e 7 obradoiros- “melloran a comunicación dos nosos maiores coa sociedade posto que cun maior coñecemento das novas tecnoloxías poden relacionarse a través delas cos seus familiares e amigos de diferentes idades e lugares”. As accións melloran tamén a súa autoestima ó aumentar as súas capacidades e autonomía. O director de Fondos Europeos da Deputación destacou que as actividades realízanse en grupos reducidos para favorecer a aprendizaxe e son breves para facilitar que os participantes poidan apuntarse a varias iniciativas diferentes. O director de Fondos Europeos avanzou que, debido ó éxito de convocatoria destes cursos, proximamente desenvolveranse accións formativas polos Concellos da provincia, facilitando o acceso dos maiores á formación en novas tecnoloxías.
312 prazas gratuítas
Os cursos e obradoiros dispoñibles, que poñen a disposición dos lucenses 312 prazas de xeito totalmente gratuíto, son os seguintes:
– Manéxate coas novas tecnoloxías. Coñece o teu ordenador e a túa tablet. Neste caso están organizadas 6 edicións.
– Obradoiro Mantemos en forma ó cerebro (Estimulación cognitiva con WII). Neste caso programáronse 2 edicións.
– Atréveste con Internet? Axudámosche. Neste caso están programadas 3 edicións.
– Organízate co teu móbil. Nivel I
– Obradoiro Ximnasia mental coa tablet. Neste caso programáronse 2 edicións.
– O carteiro en Internet. Que é o correo electrónico?. Neste caso programáronse 3 edicións.
– Que son as redes sociais? Descubre o Facebook e twitter. Neste caso programáronse 2 edicións.
– Obradoiro Xogamos co corpo. Estimulación funcional con videoconsola Wii.
– Avanza e coñece o que podes facer co teu smartphone. Nivel II
– Obradoiro Xogamos coa mente (estimulación cognitiva co ordenador)
– O inglés e as tecnoloxías. Queres aprender?
– Obradoiro Aprende, comparte e retoca as túas fotografías
– Movémonos e xogamos (estimulación motriz con Kinect-Xbox)
Os cursos darán comezo o vindeiro 13 de xaneiro e continuarán ata finais do mes de marzo. Todas as accións formativas terán lugar nas aulas do INLugo, na rúa Frei Plácido Rei Lemos. Os interesados en participar, poden inscribirse a través da páxina www.deputacionlugo.org, na que atoparán máis información acerca de datas e horarios de celebración. Do mesmo xeito, poden poñerse en contacto no teléfono 982-225-186. Tendo en conta que as prazas son limitadas, as inscricións realizaranse por rigorosa orde de solicitude.
Éxito da anterior convocatoria
Os cursos e obradoiros que organiza a Fundación TIC realízanse dentro das actuacións de promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia. Esta actuación está enmarcada no proxecto Innova-TE2, que está cofinanciado nun 80% por fondos europeos.
Na anterior edición dos cursos para maiores participaron 160 persoas que destacaron o acertado enfoque práctico das accións formativas. Moitos deles insistiron en que incluíron nas súas rutinas o aprendido nas sesións, como empregar o correo electrónico, solicitar cita para o médico por internet ou realizar videochamadas para manterse en contacto con amigos e familiares. O servizo de formación do INLugo non só ofrece cursos e obradoiros temáticos senón que contan cun servizo de asesoramento permanente gratuíto para solucionar as dúbidas dos maiores no ámbito das novas tecnoloxías ó que poden acudir en persoa ou poñerse en contacto por Internet ou teléfono.