Lugo, 9 de xaneiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presidiu este xoves en representación do organismo tutelante a sesión constituínte do novo Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, que conta desde hoxe con novos órganos de goberno tralo proceso electoral impulsado pola Comisión Xestora.
No encontro foi nomeado Luis Abelleira como novo presidente do ente, e tamén se procedeu á designación do vicepresidente, do tesoureiro e dos vogais do Comité Executivo da Cámara.
A Xunta de Galicia implicouse desde o primeiro momento na busca de solucións para a Cámara de Lugo, e puxo en marcha a Comisión Xestora formada por representantes da administración pública e representantes das Cámaras, nomeados polo Consello Galego de Cámaras.
Desde a Dirección Xeral de Comercio saliéntase que a Comisión Xestora cumpriu co seu principal cometido, a convocatoria de eleccións na Cámara de Lugo, e destácase a resposta do empresariado lugués, que ten permitido que o ente conte cun novo goberno que será o encargado de dirixir o ente na nova etapa que se abre agora.