Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña advirte que “as máis de 30.000 inspeccións aos retornados vai converter o 2014 nun ano quente”

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña informou que o Ministerio de Facenda ten previsto levar adiante este ano, falamos do 2014, 30.000 inspeccións na declaración da renda dos emigrantes retornados, o que significa 10.000 máis que o ano pasado, segundo ten feito público o Director Xeral da Axencia Tributaria e que en todo caso fai temer o peor a este colectivo que o Goberno do Partido Popular colocou no punto de mira cun afán simplemente recaudatorio. “Castíganos por partida tripla, primeiro fixando para nos un réxime fiscal diferente ao do resto dos cidadáns do Estado, segundo determinando uns tramos distintos no momento de responder fronte ao fisco e por último o que é máis doe é que desde o Estado pero tamén desde a propia Axencia tributaria téntanos facer pasar por defraudadores” afirmou un portavoz do colectivo.

A situación que se vai crear este ano diante da nova vaga represiva que se ven encima vai provocar necesariamente unha resposta máis contundente por parte do colectivo de afectados, posto que “ á vista está que o PP non ten ningunha vontade de darlle un solución a problemática que enfrontamos, unha problemática que ten unha solución doada que pasaba por permitir regularizar a situación dos retornados que se atopan na alegalidade, segundo por non impor multas e non cobrar intereses de demora e xa por último para fixar un mesmo réxime fiscal para todos os pensionistas do Estado. Castíganos por partida dobre primeiro facéndonos emigrar para aportar divisas ao estado español, divisas que xeramos os galegos e se drenaron a outros territorios, en un segundo lugar multándonos como se fosemos delincuentes”.

“Non é de recibo que un pensionista, na súa calidade de emigrante retornado, ingrese 1.100 euros ao mes e sexa obrigado a pagar un IRPF de 1.465 euros ao ano, mentres que outra persoa coa mesma pensión e sen a condición de retornado, estea exento de presentar a declaración, por esta razón demandamos igual trato ante Facenda. Pero hai máis debemos mudar a norma para acadar a exención naqueles casos de pensións públicas con Estados con tratados bilaterais para evitar a dobre imposición, que non teñan que presentar a declaración da renda, agás nos casos que superen os 22.000 euros anuais de ingresos (na actualidade están obrigadas as persoas que superen os 11. 200), igual que o resto dos pensionistas. Aínda máis solicitamos o “carácter retroactivo” das modificacións e o inicio da devolución “de oficio” das cantidades requiridas e cobradas pola Axencia tributaria para rematar co roubo que significa que un retornado cunha pensión de 1.125 euros ao mes sexa obrigado a pagar 1465,39 euros no ano 2012 máis dun 10% dos ingresos anuais e Botín polas súas sociedades de investimento o 1%,” afirmaron desde Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña.

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña vai manter nos vindeiros días unha xuntanza da súa xunta xestora, como reunión preparatoria da súa asemblea xeral, que vai definir a táctica a seguir ao longo deste ano para paralizar os procesos sancionadores que prepara a Axencia Tributaria, posto que “cando a lei é inxusta a rebelión é un deber e que vaian sabendo os responsábeis do Partido Popular que diante da súa pechazón esa vi ser a nosa resposta. Non imos tolerar leccións en materia fiscal do Partido de Barcenas, do Partido do diñeiro negro, do Partido dos sobres en B. Antes de darlle leccións a uns traballadores debían os populares resolver os seus problemas co fisco. Porén con independencia disto que vaian sabendo que 2014 vai ser un ano quente, posto que non vai haber sanción sen resposta, en definitiva vai ser un ano de mobilización e loita”.

Exit mobile version