Esta iniciativa, dirixida a alumnos de 4º da ESO e Bacharelato, ten como principal obxectivo estimular a capacidade investigadora de estudantes participantes, a través do uso dun instrumental co que, a día de hoxe, todos están moi familiarizados: o teléfono móbil e o ordenador persoal.
Neste sentido, Mario Outeiro destacou “a importancia que ten este campionato en canto achega ás rapazas e rapaces á tecnoloxía e que permitirá, en certa forma, contrarrestar os efectos negativos que trae consigo a LOMCE nesta materia, restando horas lectivas dedicadas á tecnoloxía tanto na Educación Secundaria como no Bacharelato”.
Os equipos participantes, que poderán inscribirse ata o vindeiro 31 de xaneiro, terán que realizar tres probas nas que amosarán as súas destrezas á hora de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual.
Para a competición, que se desenvolverá completamente on-line, os alumnos deberán aprender, coa guía de algún dos seus profesores e profesoras e o software que se lles proporcionará, a técnica fotogramétrica básica, unha metodoloxía que con apenas dúas tardes de estudo lles permitirá facer modelos tridimensionais a escala de obxectos sinxelos.