Ribadeo, 11 de decembro de 2013. Esta madrugada rexistrouse un roubo no almacén municipal situado en Vilaselán. Autores descoñecidos accederon ao interior do recinto pechado e roubaron o gasóleo dos dous camións da recollida do lixo, que se atopaban alí estacionados. Foron os propios traballadores deste servizo os que deron a voz de alarma cando acudiron a traballar, segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
As persoas que cometeron o roubo e que accederon ao interior do recinto polo muro da finca levaron todo o gasóleo dun dos camións e do outro perdeuse unha parte que quedou derramada polo chan. En total uns 250 litros de combustible.
Ata o lugar dos feitos acudiu a Garda Civil, diante da que nesta xornada presentará denuncia o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro. Os traballadores do servizo de recollida do lixo desprazáronse nun vehículo propio ata unha gasolineira a mercar gasóleo para os camións e poder iniciar así a súa xornada laboral.