Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira lémbralle ao PSOE que o Concello destina 100.000 euros ao fomento de emprego en Cervo e a Deputación cero euros

Cervo, 10 de decembro de 2013- A edil de Facenda e Emprego, Yolanda Pedreira amosouse sorprendida este martes ao recibir a emenda do grupo socialista aos orzamentos para 2014, que se centra no investimento en fomento do emprego. “Ao PSOE moléstalle que o Concello traballe a favor dos desempregados do municipio, e por iso pretende emendar precisamente a partida de fomento do emprego, que é a clave e a prioridade do noso orzamento” explica a edil.

Pedreira considera que aos socialistas “dóelles que sexamos pioneiros no investimento para o emprego e únicos na posta en marcha dun plan” e lembra que Cervo é o Concello da provincia que máis fondos propios destina a este fin, á marxe de subvencións doutras administracións. Pedreira asegura que no 2014, o Concello dedicará 100.000 euros ao fomento do emprego financiados ao 100% con fondos municipais. “Unha cifra que demostra que esta é para nós un área estratéxica” engade.

A responsable de Facenda e Emprego lembra que nos orzamentos de 2013 “xa fixéramos un esforzo, investindo 35.000 euros, e agora case triplicamos a contía”. Por iso, “soa a chiste que os socialistas queiran que rectifiquemos nunha partida tan destacada e nun plan de emprego único e innovador”.

Pero o máis “rechamante” para Pedreira é que “esta emenda a presente unha persoa que é vicepresidenta do Goberno Provincial e que preside o plan de emprego da Deputación que deixa fóra a todos os seus veciños de Cervo que se atopan desempregados”. A edil quixo dar un dato importante: “O Concello destina 100.000 euros ao emprego dos cervenses, e a Deputación cero euros”.

Ao mesmo tempo, a edil manifesta que o Concello presentou unha solicitude de adhesión ao plan de emprego provincial “para tentar que a Deputación sexa sensible cos cervenses, rectifique, e poida acceder a este plan algún veciño de Cervo”. Pedreira remata dicindo que “estaremos ansiosos agardando a súa resposta”.

Exit mobile version